17 mar 2011

San Patricio

Hoxe é San Patricio, o patrón de Irlanda (e da diáspora irlandesa) e unha festa maior en boa parte do mundo anglosaxón. Mais, aínda tendo moito que ver na popularización da festa, San Patricio non foi unha invención da Guinness, senón unha figura chave na cultura irlandesa.

Como figura do século V que é, coñecemos pouco da súa vida. Sabemos que, curiosamente, non era irlandés, senón británico, pois naceu probablemente nalgunha parte do que hoxe en día é Gales, en torno ao ano 385-390. Cando tiña 16 anos foi capturado por piratas, que o levaron a Irlanda como escravo. Alí viviu un cautiverio de seis anos, nos que evoluciona dun ateísmo inicial a adoptar o Cristianismo como relixión. Ao termo dos seis anos fuxe, volve a Gran Bretaña e abraza o sacerdocio.



Tras ser ordeado sacerdote, Patricio é envíado como misioneiro a Irlanda, onde se dedica a expandir o Cristianismo. Esta labor ocasiona algunha das particularidades da igrexa irlandesa altomedieval, como é o feito de que a súa labor está centrada nos mosteiros máis que nas igrexas ou o sincretismo con elementos pagáns, ben sexa mediante a adaptación de festas pagás coma o Halloween, ben sexa co emprego de elementos pagáns dentro da liturxia, como o uso da cruz céltica ou a lenda do uso do trebo como metáfora da Trinidade.

A labor de San Patricio foi importante para o Cristianismo xa que ao evanxelizar Irlanda e non ser esta obxecto de invasións xermánicas, conseguiu que houbera un outro punto de partida das labores de evanxelización dos pobos xermánicos a parte da sé do papado en Roma. Así, a labor de re-evanxelización de Gran Bretaña sería compartido a partes iguais por misioneiros envíados desde Roma, tal e como nos conta Beda, e outros envíados desde Irlanda.

Por outra banda, o formato de relixión introducido por San Patricio, chamado algunhas veces "Cristianismo Céltico", influenciou grandemente a cultura irlandesa medieval, dándolle un impulso importantísimo aos mosteiros. Así, en Irlanda non se produciu un apagamento cultural na Alta Idade Media, mais, ao contrario, viviuse un momento de esplendor no que ademais de gardarse copia de moitos materiais tardo-romanos da Britania, realizáronse importantes contribución culturais coma o Book of Kells.

San Patricio morreu un día como hoxe, 17 de marzo, dun ano da segunda metade do século V, no que os expertos disinten, dándonos un abano entre o 461 e o 493.

No hay comentarios:

Publicar un comentario