A Wikipedia define a industria coma un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados e, por tanto, podemos asegurar que a construción é un proceso industrial. Non é un proceso industrial típico como podería ser o do automóbil ou o dos electrodomésticos, ten unha serie de características diferenciadoras que nos obrigan a ter un enfoque distinto:
- Atomización empresarial: tres cuartas partes das empresas non teñen máis de 5 empregados, mentres que nas demais industrias, o habitual é ver fábricas con miles de empregados.
- Industria de carácter cíclico: os produtos fanse por encargo, e non podes almacenalos para vendelos cando volva subir a demanda.
- Especificacións complexas, difusas e contraditorias: dáselle moi pouca importancia aos proxectos técnicos, e estes, en moitos casos, acaban formando parte dun confuso copia e pega; mentres que noutras industrias, estes proxectos están optimizados, organizados, definidos ao máximo.
- Responsabilidades pouco definidas e dispersas: arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros, promotores, administración... son moitos axentes os que están involucrados, e non están moi claras as súas responsabilidades.
- Difícil organización: na industria tradicional é o produto o que se move a través dos operarios, mentres que na construción son os operarios quen se van adaptando á evolución do produto. Ademais, ao ser no exterior, están expostos ás inclemencias climatolóxicas, fenómenos imprevisibles a longo prazo que dificultan unha organización precisa do proceso.
- Mentalidade conservadora: unha gran resistencia aos cambios e á innovación que provoca unha difícil evolución das técnicas.
Ao falarmos de construción, a todos nos veñen á cabeza termos coma "especulación" e "burbulla inmobiliaria", pero a construción non é só iso, tamén é unha industria que repercute positivamente na sociedade: crea bens de primeira necesidade, vivendas; xera moitos postos de traballo indirecto (aproximadamente 2,25 por cada posto directo), e paga unha alta porcentaxe de impostos.
Fonte: Apuntamentos de Economía e organización de Empresas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario