15 feb 2011

A keynote dos "top 5" da telefonía móbil mundial #mwc11

Non todos os días hai a oportunidade de ter xuntos aos 5 grandes da telefonía móbil mundial, léase América Móvil, AT&T, China Mobile, Telefónica e Vodafone; pero no Mobile World Congress todo é posíbel, así que aquí estiveron contando como ven o negocio dende a súa perspectiva.


O formato elixido consistiu en facer unha presentación xenérica, que correu a cargo de Robert Conway, CEO do GSMA para logo escoitar por separado aos diferentes CEO das operadoras. Iso si, no momento final, no que se agardaba ter a posibilidade de facer preguntas por parte dos asistentes, atopámonos que non, que o acto era pechado. Unha mágoa, tengo en conta que quedaron moitos flecos por aclarar.

Robert Conway comezou o acto amosando as cifras do sector: actualmente fanse arredor de 5 billóns de conexións móbiles en todo o mundo, e todo apunta a que antes de rematar o 2011 chegarase aos 6 billóns.

Ademáis, apuntou que as conexións de alta velocidade móbil en 3G superan os 500 millóns. En canto ao despregamento do LTE, coñecido como 4G, hai na actualidade 18 redes móbiles operativas en todo o mundo, ás que se lle suman outras 184 xa planificadas.

Todos estes avances farán posíbel que no prazo de dous anos haxa máis xente conectándose a Internet co móbil que mediante Internet fixo, e favorecerá o despregamento de tecnoloxías chamadas a facilitar a vida, como os NFC (Near Field Communication), eses chips que, por exemplo, xa podemos atopar nos últimos dispositivos Android.

Wang Jianzhou, CEO de China Mobile foi o primeiro en tomar a palabra. Presumiu de que o traballo dos operadores de todo o mundo permite ter o 98% da poboación mundial con cobertura, que non o territorio, (cifra que persoalmente me parece algo esaxerada), chegando a sitios inóspitos (estacións na Antártida, altas montañas...)

Jianzhou preguntouse que solución habería que tomar para aliviar a conxestión do tráfico de Internet ante o crecente interese e precisou que unha alternativa viábel era extender a cobertura WiFi, e desviar o tráfico de datos por redes físicas.

Tamén deixou unha pregunta no aire: que cambios hai que facer no modelo de negocio do Internet móbil?


Pola súa banda, Vittorio Colao, CEO de Vodafone, tamén fixo especial fincapé no importante crecemento que está a haber no tráfico, inda que non se vexa tan reflexado este crecemento en infraestrutura de rede.

Amosou o seu asombro polo crecemento de Android, "unha plataforma aberta", e non dubidou en parabenizar a Google polo éxito acadado.


Asegurou ademáis que Vodafone conta con importantes alternativas de conectividade (referíndose a routers varios, MiFis...), e fixo especial fincapé nas prioridades da compañía para o 2011, que pasan pola creación de redes de nova xeración, coa extensión do LTE e HSPA+, contar cos mellores dispositivos (smartphones e tablets), ofrecer novos servizos (colaboración con partners para ter servizos avanzados, transferencia de fotos entre 2 contactos durante unha chamada) e melloras en países en vía de desenvolvemento, para facer "unha sociedade mellor".

Comentou tamén que Vodafone conta cunha sorte de "kits" de emerxencia, trátanse dunhas estacións base grazas ás cales é posíbel montar unha rede móbil operativa en 40 minutos, pensado para catástrofes e similares.

Dixo, para resumir, que as claves de Vodafone baseábanse na cooperación, apertura e competición.

Daniel Hajj, CEO de América Móvil, fixo unha presentación moito menos entusiasta, na que simplemente presentou as cifras da telefonía móbil en América Latina, onde nos últimos tempos comezou a haber un interese polos datos, malia seguir nun níveis un tanto baixos, en comparanza co resto do mundo.

Neste sentido, afirmou que a día de hoxe tan só 65 millóns dos 600 habitantes de Latinoamérica teñen acceso a datos. Malia iso, pretenden chegar aos 400 millóns de usuarios de smartphones en 2016, algo que me parece un tanto esaxerado.

César Alierta, o CEO de Telefónica, fixo unha presentación bastante breve, na que destacou que a industria da telefonía móbil ten grandes espectativas de crecemento, debido ao auxe dos datos móbiles e afirmou que se precisaban novos modelos de negocio no sector.


Pechou o encontro Randall Stephenson, CEO da compañía norteamericana AT&T, quen destacou o feito de que cada vez temos máis dispositivos que se conectan a Internet (computadores, vídeoconsola,s móbiles, tablets, televisións...) e exemplificou a gran cantidade de oportunidades que iso nos ofrece, como a posibilidade de mercar un e-book ou unha canción e desfrutala en varios dispositivos, dependendo da nosa necesidade no momento.

Pechou a súa ponencia coas claves que consideran básicas para o crecemento do sector: incrementar o espectro, ter unha regulación máis flexíbel  e facilitar o acceso ás aplicacións.


No hay comentarios:

Publicar un comentario