27 dic 2010

Seguridade estrutural

O Código Técnico de la Edificación é a normativa que establece as directrices e valores que se deben tomar para construír un edificio. Os cálculos estruturais dun edificio trátanse nun subapartado do documento básico Seguridad Estructural que se chama Acciones en la Edificación. As accións son os esforzos aos que está sometida a estrutura, e divídense en tres grupos: accións permanentes, accións variables e accións accidentais.

As accións permanentes vólvense dividir en tres subgrupos: o peso propio, o pretensado e as accións do terreo. O peso propio é o peso da edificación, é dicir, o peso das vigas, piares, tabiquería, fachada... e os pesos póñense en función das medidas predominantes na forma do elemento, por exemplo, nun piar o peso será puntual, nunha viga ou nunha fachada será lineal e o peso do forxado será superficial. Hai que destacar que se a tabiquería -que en principio debería ter unha carga lineal- cumpre unhas determinadas características de peso e distribución tómase superficial, é dicir, calcúlase mediante unidade de peso dividida por unidade de superficie. O pretensado é o esforzo que se lles aporta ás estruturas activas, que tamén se deberá ter en conta. E por último, dentro das accións permanentes, as accións do terreo, as que son derivadas do empuxe do mesmo, tanto as que se deben aos seus desprazamentos ou deformacións, coma as que son debidas ao seu peso propio.

O segundo grupo son as accións variables. A primeira é a sobrecarga de uso, que recolle dende o peso das persoas que ocupan ou poden ocupar o edificio, ata a distribución dos materiais almacenados para ser colocados, pasando polo peso dos estantes dunha biblioteca -un peso nada desprezable-, o das caldeiras e maquinaria en xeral, etc. Despois están as accións sobre varandas e elementos divisorios, estes elementos deberán soportar un empuxe horizontal para garantir a seguridade das persoas, xa que se isto non se tivese en conta na varanda dun balcón, calquera podería caer ao apoiarse nela. Outra acción é a do vento, que pode dar problemas en edificios de gran altura, xa que pode ser moita a superficie que teña que soportar este empuxe coa consecuencia dunha gran forza resultante; evidentemente, os valores variarán en función da localización do edificio. As accións térmicas son as producidas pola variación de volume dos elementos debido á variación de temperatura; valorade a diferenza de temperatura que sofre unha fachada un día claro de inverno no que lle está dando toda a tarde o sol e que despois pola noite a temperatura é negativa. A última das accións variables que contempla o CTE é a neve, que igual có vento, o valor varía en función da localización do terreo. Intuitivamente o valor desta acción é pequeno, pero, nalgunhas capitais de provincia, a norma chega a esixir unha carga estimada de 100 kg/m2. Hai un vídeo do recente colapso da estrutura da cuberta do estadio de Metrodome en Minneapolis por unha carga excesiva de neve.



Para rematar están as accións accidentais, que poden ser debidas a sismo, a incendio ou a impacto, accións que teñen unhas características especiais por non poder ser predicibles. Ademais das mencionadas, hai outra subcategoría, a de outras accións accidentais, que engloba as accións específicas de certas edificacións, coma plantas químicas, laboratorios, etc.

O CTE é unha normativa de obrigado cumprimento que intenta establecer uns parámetros mínimos cunhas marxes de seguridade suficientes para que a estrutura aguante aínda que se produzan accións ou fenómenos imprevistos para os que non foi calculada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario