1 dic 2010

Nova versión do Google Earth. Xa non chocarás coas árbores

Google vén de presentar a nova versión do popular - malia ter perdido tirón coa malchamada versión web, Google Maps - programa Google Earth, o atlas virtual multimedia do xigante americano.

As novidades máis importantes desta versión son a integración con Street View, a introdución de árbores en 3D (que se suman a edificios e outros monumentos xa incluídos noutras versións) e a visión de imaxes históricas.

Árbores en 3D

Semella ciencia-ficción, pero non. Google afanouse para que nesta versión do Earth puideran aparecer gran cantidade de árbores na súa situación real, identificando ducias de especies. Nesta primeira andaina xa contan con máis de 80 millóns de árbores nos arredores de Atenas, Berlín, Chicago, Nova Iorque, San Francisco e Tokio, alén de colaborar con organizacións vencelladas á conservación dos grandes bosques ameazados do planeta, nun afán de concienciación.


Imaxes históricas

Malia teren sido incluídas na versión 5 algunhas imaxes históricas (o Londres de 1945, Varsovia en 1935...), agora non só atopamos máis senón que tamén será moito máis doado empregalas, grazas a unha nova aplicación que fará que ao situarse nunha zona onde hai dispoñibilidade de imaxes históricas, estas aparecerán na barra de estado automaticamente.



Podedes descargar a nova versión dende a web de Google Earth.

Que poderá ofrecer Google en próximas versións? Ocórresevos algo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario