1 nov 2010

Samhain e Halloween

Esta é a ponte de Santos e Difuntos, e é interesante descubrir o que hai detrás das celebracións tradicionais desta data. Como sabemos, as datas das celebracións litúrxicas cristiás superpóñense no calendario ás antigas celebracións pagás, tentando substituílas. Porén, na maioría dos casos a substitución non é completa, dando lugar a unha superposición de costumes pagáns e cristiás.



Isto foi o que sucedeu coa festa de Santos. A festa de Santos une a honra aos defuntos da familia (e por extensión litúrxica, a todos os santos do ceo), coa celebración das colleitas, vendimas e matanzas. A festa, situada no 1 de novembro, veu substituír temáticamente ás festividades romanas da Parentalia (honra dos mortos) e da deusa Pomona (das colleitas) e tamén á festa celta do Samhain.

O samhain era unha das maiores festas celtas. Unía nunha soa festa a celebración do final da colleita e da matanza, coa festa de final do verán (ou da parte "luminosa" do ano, de abril a outubro) e coa festa de difuntos, xa que este día sería un dos momentos, xunto co solsticio de verán, o San Xoán, no que se abrirían as portas do outro mundo. Curiosamente, a tradición do Samhain tamén inclúe cacharelas purificadoras, coma as de San Xoán.

O nome da festa (Samhain en gaélico irlandés e escocés, Samain en irlandés antigo, Sauin en manx) significaría "Fin do verán", a partir da raíz de irlandés antigo sam (verán), coa reconstrución a ProtoIndoeuropeo *sem-. A palabra ten cognados no galés haf, bretón hañv, avestán hama, armenio amarn, inglés summer, alemán Sommer e Old Norse sumar, que significan todos verán, e no sánscrito sáma (estación). Samhain é tamén a palabra empregada en gaélico irlandés para designar o mes de novembro.



Máis recentemente chegou a nós a versión anglosaxona da festa, o Halloween. O Halloween representa unha versión xa parcialmente cristianizada do Samhain, como podemos ver no seu nome: este é unha versión escocesa de All-Hallows-Even (evening), a véspera de todos os santos, atestada por primeira vez en 1556. Á súa vez, esta forma evoluciona do AngloSaxón ealra hālgena mæssedæg, "día da misa de todos os santos". A forma actual explícase por medio dunha elisión que facilita a pronunciación da palabra.

Hoxe en día o Halloween está en plena expansión mediante a globalización cultural da cultura anglonorteamericana, mentres que o Samhain está en proceso de recuperación naquelas zonas de influxo celta nas que foi desaparecendo por mor da presión cultural e relixiosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario