2 nov 2010

LDK 53: Paxaro bebedor



O paxaro bebedor é un trebello patentado por Miles V. Sullivan en 1946, que consiste nun xoguete con forma de paxaro que se inclina e bebe dun recipiente con auga, para despois levantarse e volver a repetir o ciclo.

Inicialmente pódese pensar que é unha máquina de movemento perpetuo porque non leva pilas, nin vai a corda, nin nada parecido; pero en realidade trátase dun motor térmico que aproveita o consumo de enerxía por parte dun líquido ao evaporarse, igual que xa explicamos co botixo. O paxaro está composto por unha esfera de vidro recuberta de feltro que fai de cabeza, esta esfera está comunicada cunha tubaxe de vidro que penetra case ata o fondo dunha segunda esfera, e que están cheas xeralmente de cloruro de metileno coloreado e sen aire, motivo polo que parte do cloruro de metileno está líquido, e parte gasoso. Toda esta estrutura pivota arredor dun eixo metálico que se apoia sobre as patas.

En repouso, o paxaro está vertical debido ao peso do líquido do fondo. Para que comece a funcionar, debemos inclinalo de maneira que molle o pico e se empape o feltro, cando o soltamos, o paxaro volve á posición vertical mentres a auga da cabeza se evapora. Ao evaporarse a auga da cabeza, arrefría o gas almacenado dentro da esfera de vidro superior de maneira que se reduce a presión (os gases ocupan menos ao arrefriarse), e debido á maior presión na esfera inferior, o líquido sobe para que pese máis a cabeza e se volva inclinar para empapar o feltro e comezar de novo un ciclo.

1 comentario: