5 nov 2010

Remember, remember...

Remember, remember
the fifth of november.
Gunpowder,
treason
and plot.



Hoxe é 5 de novembro e hoxe celébrase o 405 aniversario do "gunpowder plot" ou conspiración da pólvora.

Comecemos cun pouco de background:
En 1525 Henrique VIII de Inglaterra decide divorciarse de Catalina de Aragón, a primeira das súas seis mulleres.
O problema é que Catalina era prima do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, tamén coñecido como Carlos I de España e V de Alemania; e a este non lle fixo demasiada graza que se quixesen divorciar da súa prima, así que decidiu facer unha campaña de presión en Roma para que o papa denegase o divorcio... e o papa fíxolle caso. Esta é a causa primixenia da ruptura de Inglaterra co Papado, que levaría nun comezo á reorganización política da Igrexa de Inglaterra baixo o mandato do Rei, que pasa a ser tamén cabeza da Igrexa; e, tras o reinado de Elizabeth I de Inglaterra (filla de Henrique VIII e da súa segunda muller, Ana Bolena), a que Inglaterra chegase a ser un país protestante.

Avanzando uns cantos anos, chegamos á morte de Elizabeth I (1603), trala que é sucedida polo seu herdeiro máis próximo, o seu primo James Stuart, rei de Escocia como James VI e que pasaría a ser rei de Inglaterra como James I (e que, grazas a isto, unificaría nunha soa cabeza as coroas de Inglaterra e Escocia).

Os súbditos católicos de James pensaban que o feito de que fose fillo de católica (Mary Stuart, reina de Escocia primeiro e máis tarde presa e decapitada pola súa prima, a reina Elizabeth I) faría que fose máis permisivo cos católicos, pero isto non foi así.

O resultado foi que un grupo de católicos decidiu organizar unha conspiración para matar ao rei e aos nobres protestantes, facendo estalar pólvora baixo a House of Lords en Westminster cando estivesen reunidos na inauguración do "ano parlamentar" (por así chamalo, xa que daquela o Parlamento aínda non tiña reunións periódicas, senón que só se reunía para aprobar impostos). Porén, Guy Fawkes foi descuberto nos sotos de Westminster o día antes e a conspiración foi desbaratada.

Os conspiradores foron hanged, drawn and quartered, a pena reservada para os culpables de alta traición na lei inglesa.

Desde aquela, as noites do 5 de novembro os ingleses encenden fogatas e queiman bonecos que simbolizan a "Guy Fawkes", nunha costume similar á nosa queima de entroidos.

Esta é unha festa moi importante na cultura inglesa, e podemos ver como está referenciada en V de Vendetta, por exemplo.


-----

Esta entrada é unha adaptación doutra entrada publicada no meu blogue persoal o 5 de novembro do ano pasado.

1 comentario:

  1. Hoxe en en día, o que se ve básicamente, polo menos en London, son fogos de artificio ¡¡¡ saudos ¡¡

    ResponderEliminar