22 nov 2010

Clasificación articulatoria das consoantes.

Xa temos falado aquí do Alfabeto Fonético Internacional, das diferentes representacións dos sons da fala desde un punto de vista acústico, ou do proceso de articulación en xeral, pero non falamos aínda de como se clasifican os sons da fala desde un punto de vista articulatorio, é dicir, tendo en conta como se producen estes sons. Na entrada de hoxe centrarémonos na clasificación articulatoria das consoantes, deixando para outra entrada a das vogais.

Para clasificarmos as consoantes desde un punto de vista articulatorio, temos que comprobar tres parámetros: Vibración das cordas vocais, punto de articulación e modo de articulación1.

Dacordo co primeiro parámetro, a vibración das cordas vocais, podemos distinguir basicamente dous tipos de sons: Se as cordas vocais entran en vibración ao se xuntaren e impedir ciclicamente o paso do aire, dicimos que é un son sonoro, mentres que se non entran en vibración, ao permaneceren separadas, dicimos que é un son xordo.

A diferencia entre xordo e sonoro é facilmente comprobable ao colocar unha man sobre o hioide mentres falamos: con algúns sons notaremos unha vibración, nomeadamente, en galego, coas vogais e coas consoantes /b/, /d/, /g/, /m/, /n/, /ɲ/ (letra ñ), /ɳ/ (n velar), /r/ (-rr- ou r-), /ɾ/ (-r-), /l/ e /ʎ/ (dígrafo -ll-), puidendo clasificalos comos sons sonoros. En cambio, coas consoantes /p/, /t/, /k/, /f/, /θ/ (-ce-, -ci- ou -z-), /s/, /ʃ/ (letra x) e /tʃ/ (dígrafo ch), non notaremos estas vibracións, e serán clasificados como son xordos.



O segundo parámetro é o modo de articulación. O modo de articulación refírese a natureza da disposición dos elementos do tracto vocal. Distinguimos os seguintes:

Nas oclusivas prodúcese un peche total do tracto vocal, de modo que a presión do aire dentro da cavidade aumenta. Cando abrimos o peche, o aire sae con forza da cavidade bucal, producindo un ruído explosivo. Son oclusivas /b/, /p/, /d/, /t/, /g/, /k/.

Nas nasais, prodúcese exactamente o mesmo tipo de peche que nas oclusivas, pero ao abrir o peche tamén se baixa o velo do padal, de modo que o aire pode escapar simultaneamente polo naris e pola boca. Son nasais no galego /m/, /n/, /ɲ/ e /ɳ/.

Nas fricativas, un articulador móbil aproxímase moito a algún punto do tracto vocal, de tal modo que se produce un ruído de frición ou fricación. Son fricativas /f/, /θ/, /s/ e /ʃ/.

Nas africadas prodúcese un peche como nas oclusivas, pero a apertura do peche en vez de ser total, resólvese cunha fricativa. En galego só temos a africada /tʃ/.

Os batimentos (ou vibrantes simples) prodúcense cun peche breve, en forma de golpe suave, da cavidade bucal. O /ɾ/ é un batimento.

As vibrantes prodúcense por unha sucesión (en torno a 5 de media) de golpes na cavidade bucal. O /r/ é unha vibrante.

As aproximantes prodúcense cando hai unha obstrución moi suave, non máis que unha mera aproximación, dun articulador a outro. Non hai aproximantes puras en galego, mais o /w/ do inglés ou o /j/ (letra y) do español son aproximantes.

As aproximantes laterais ou, simplemente, laterais, prodúcense cando a lingua se aproxima ao articulador e o aire pasa polos laterais da lingua. /l/ e /ʎ/ son laterais.

Por último, tamén hai fricativas laterais, cando o aire pasa polos laterais da lingua e estes están tan preto das paredes da cavidade bucal que se produce un ruido. Podes ver unha lista de usos das laterais fricativas en diferentes idiomas do mundo aquí.



Finalmente, o terceiro parámetro é o punto de articulación. Con punto de articulación referímonos ao lugar do tracto vocal onde se produce a máxima constrición do aire. Distinguimos os seguintes puntos de articulación:

Bilabial, producida con ambos labios. Son bilabias /b/, /p/, /m/.
Labiodental, producida co labio inferior e os dentes da mandíbula superior. A única bilabial do galego é a /f/.
Interdental, producida coa lingua entre ambas fileiras de dentes. É interdental /θ/.
Dental, producida coa lingua na parte posterior dos dentes.
Alveolares, producidas coa lingua nos alveolos, a parte máis anterior e prominente do padal:
/n/, /s/, /l/, /r/ e /ɾ/ son alveolares, e /t/ e /d/ poden ser dentais ou alveolares dependendo das linguas e os falantes.
Postalveolares, producidas coa lingua entre os alveolos e o padal. Son postalveolares /ʃ/ e /tʃ/.
Retroflexas, producidas coa punta da lingua apuntando cara á parte posterior da boca.
Palatais, producidas co dorso da lingua no padal duro, /ɲ/ e /ʎ/ son palatais.
Velar, producidas coa lingua na parte traseira e branda do padal, o velo. /g/, /k/ e /ɳ/ son velares.
Uvulares, producidas coa parte traseira da lingua na úvula. A r francesa, /ʀ/ é unha vibrante uvular.
Faringais, producidas coa raíz da lingua contra a farinxe.
Glotais, producidas mediante un peche ou unha aproximación das cordas vocais. A oclusiva glotal /ʔ/ [escoitar] é unha realización do fonema /t/ nalgúns dialectos do inglés británico.


Para facermos unha descrición dun son só temos que tomar os tres parámetros e enuncialos. Por exemplo, /b/ é unha oclusiva, bilabial, sonora.

Estas descricións permiten explicar algunhas das relacións entre sons: por exemplo, [b] e [g] son oclusivas sonoras, a unha bilabial e a outra velar. Ambos sons teñen unha certa similitude, que explica que ás veces sexan confundidos como no español coloquial "agüelo".


NOTAS:
1 Outros parámetros, como a aspiración ou non dos sons, a laringalización, a nasalización etc., tamén son importantes, mais para esta introdución ao particular preferimos deixalos á parte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario