4 oct 2010

Poleas

Unha polea é unha máquina simple que consiste nunha roda que xira libremente arredor dun eixe, cunha gorxa pola que se conduce unha corda. As poleas empréganse como elementos de transmisión para cambiar a dirección do movemento e, nalgún caso e con certo tipo de distribución, serven para reducir o esforzo que ten que realizar.

O primeiro tipo, polea simple fixa, é a polea máis sinxela, e serve para cambiar a dirección do esforzo, esta disposición non produce ningunha vantaxe mecánica, é dicir, a forza que hai que aplicar é a mesma que se precisa para levantar o obxecto sen a polea.


O segundo tipo é a polea simple móbil, aquí a polea pode desprazarse e o que se mantén fixo é un extremo da corda, grazas a isto conseguimos que se reparta o peso entre ambas as dúas partes da corda, a parte que está antes e a que está despois da polea. O traballo é forza por distancia, e se queremos elevar a carga de 100 N un metro, deberemos recoller 2 m de corda para que o traballo continúe constante:
100N * 1m = 50N * 2m


Imos estudar diferentes combinacións:


A imaxe número 1 é unha polea simple fixa, na que, como xa explicamos, non se obtén beneficio mecánico, pero si unha mellor posición de traballo para elevar a carga.

Na imaxe número 2 obtemos a mellora mecánica debido á polea móbil e melloramos a operatividade co reenvío final; debido aos dous ramais activos, a forza que realizamos será a metade, e a cantidade de corda que temos que recoller será o dobre.

As imaxes 3 e 4 xa corresponde a un polipasto, unha configuración de polea composta na que hai dous grupos de poleas, un fixo, e outro móbil do que se colga a carga a levantar. Os ramais activos son respectivamente tres e catro, co que a forza realizada será dun terzo ou dun cuarto, e a cantidade de corda recollida será respectivamente de tres ou catro veces a distancia que queiramos elevar.

As poleas son máquinas moi útiles e moi empregadas, pero que, como todas as máquinas, teñen coeficientes de rendemento, que neste caso dependerán do rozamento da corda e a gorxa e máis da facilidade de xiro da polea arredor do eixe, deste modo, a forza que debemos realizar nunha polea simple será maior que o peso da propia carga, pero non é o mesmo tirar polo peso para abaixo colgándonos del, ca ter que erguelo todo por forza bruta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario