13 oct 2010

Nikola Tesla, I: Primeiros anos e Formación (por Isaac Manteiga)

Con este post comezamos unha serie de artigos sobre o grande inventor Nikola Tesla, que iremos posteando por partes.

Nesta primeira entrega imos analizar a súa persoa, a súa vida e as súas inquietudes, ademais do seu proceso formativo.



Ficha de identidade




Nikola Tesla (10 de xullo de 1856, Smijan, Croacia – 7 de xaneiro de 1943, Nova York, Estados Unidos) foi un inventor, enxeñeiro mecánico e enxeñeiro electricista, ademais dun dos máis importantes promotores da enerxía comercial.

A fama de Tesla vén dada polas súas revolucionarias invencións no campo do electromagnetismo, desenvolvidas entre finais do século XIX e comezos do XX. Tesla desenvolveu preto de 700 patentes, que xunto co seu traballo teórico serviron de base para os sistemas de corrente eléctrica alterna, como o sistema polifásico de distribución de enerxía (actualmente en uso) ou o motor de corrente alterna, que contribuíu decisivamente ao desenvolvemento da segunda revolución industrial. Tal é a súa influencia no campo que a unidade de medida do campo magnético no Sistema Internacional de Unidades (tamén chamada de densidade do fluxo magnético e indución magnética) foi denominada Tesla na súa honra na Conférence Générale des poids et mesures celebrada en París no ano 1960.

Ademais do seu traballo sobre a Enxeñaría electromecánica e o electromagnetismo, Tesla contribuíu en varios graos ao desenvolvemento doutros campos, coma a robótica, o control remoto, o radar, a ciencia da computación, a balística, os primeiros pasos en microscopios electrónicos, a fotografía láser, os raios X, a física nuclear ou a física teórica.



Infancia, enfermidade e xenialidade.

Nikola Tesla naceu o 28 de xuño de 1856 en Smijan, Croacia. En 1862 a súa familia trasladouse á veciña localidade de Gospić. Durante a súa infancia, Tesla sufriu diversos episodios de enfermidade, que xunto coa a súa intensa historia familiar acabarían creándolle diversos problemas psicolóxicos e fobias.

Tesla presentaba unha afección moi peculiar, na cal sufría que cegadores feixes de luz aparecesen diante dos seus ollos, frecuentemente acompañados de alucinacións. Normalmente as visións estaban asociadas a unha palabra ou idea que lle daba voltas na cabeza, mais outras veces dábanlle a solución a problemas que lle xurdiran. Tamén en ocasións tiña reminiscencias de eventos que lle sucederan previamente na súa vida; fenómenos que comezan xa durante a súa infancia.

Parte da xenialidade de Tesla radicaba en que podía visualizar un obxecto ou unha invención no seu cerebro con precisión extrema, incluíndo todas as dimensións, antes de iniciar a etapa de construción. Grazas a isto, non adoitaba debuxar esquemas, e no seu lugar concibía tódalas ideas só coa súa mente. Normalmente, isto continuaba á fase de experimentación: ”Todo o que invento funciona como o imaxinei, a experimentación desenvólvoa tal como a tiña previsto“. Aínda que xa desde pequeno inventa obxectos orixinais dun xeito autodidacta, é só á idade de 17 anos cando empeza a interesarse realmente nos seus inventos.

Tesla pasaba moito tempo lendo moitas obras e memorizando libros completos. Segundo algunhas fontes podería posuír unha memoria fotográfica.



Os seus estudos

Tesla realizou os seus estudos no Gymnasium Karlovac en Karlovac, onde completou o plan de estudos de catro anos no término de tres.

En 1875 comezou os estudos de enxeñería eléctrica na Universidade de Graz, onde estudou os usos da corrente alterna. Malia que algunhas fontes afirman que rematou a licenciatura, a Universidade de Graz afirma que Tesla non continuou máis alá do segundo semestre do terceiro ano, durante o que deixou de asistir ás clases, non recibindo ningún título. En decembro de 1878 deixou Graz e deixou de relacionarse cos seus familiares. Dirixiuse a Maribor (Eslovenia), onde obtivo o seu primeiro emprego como axudante de enxeñería, traballo que desempeñaría durante un ano.

Posteriormente, Tesla foi persuadido polo seu pai para asistir á Universidade Carolina en Praga, á que asistiu durante o verán de 1880, onde foi influenciado por Ernst Mach. Porén, despois do falecemento do seu pai deixou a universidade, completando soamente un curso.



Os seus primeiros pasos no mundo da enxeñería

En 1880, Tesla trasladouse a Budapest para traballar na compañía nacional de teléfonos. Alí coñeceu a Nebojša Petrović, un inventor novo de orixe serbia que vivía en Austria. A pesar de que o seu encontro foi breve, traballaron xuntos nun proxecto usando turbinas xemelgas para xerar corrente continua. Para cando se procedeu á apertura da central telefónica no 1881 en Budapest, Tesla xa era o xefe da parte eléctrica da compañía, e foi máis tarde enxeñeiro do primeiro sistema telefónico do país. Tesla tamén desenvolveu un dispositivo do que se dubida se era un repetidor telefónico ou amplificador ou ben o primeiro altofalante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario