21 oct 2010

LDK 48: Prisma de auga

Para comezar, hai que deixar claro que o raio de luz branca que emite o Sol en realidade non é branco, é unha combinación das diversas cores do espectro, estas cores poden separarse mediante un prisma de vidro, e este efecto chámase dispersión refractiva ou dispersión cromática. Cando as cores se separan debido a gotas de chuvia, fórmase o coñecido arco da vella


Cando un raio de luz cambia de medio a través dunha superficie oblicua, sofre unha variación de velocidade que implica un cambio de dirección denominado refracción. O ángulo do cambio de dirección varía en función dos índices de refracción, e estes últimos varían en función da lonxitude de onda; cando aumenta a lonxitude de onda, o índice de refracción diminúe, de maneira que as ondas con lonxitude de onda máis longa (vermello) se desvían menos cás que teñen a lonxitude de onda máis curta (violeta). Deste modo cada unha das cores que forman o raio, ao incidir no prisma, sofren unha desviación en función da lonxitude de onda, e ao volver a saír do prisma, a luz branca descomponse nas diferentes cores que forman o espectro.


Unha maneira de separar as cores sen un prisma de vidro, é empregando un prisma de auga. Para construílo precisamos:


  • Unha bandexa con auga.
  • Un espelliño.
  • Unha superficie sobre a que proxectar (unha folla de papel por exemplo).
  • Unha raiola de sol.



É moi sinxelo, basta con coller a bandexa con auga e somerxer o espello nela con certa inclinación e de maneira que incida a raiola de sol na parte somerxida do espello, deste modo, ao saír da auga, teremos o raio de luz descomposto. Para rematar, basta con poñer unha folla de papel na que proxectar as cores descompostas.

Grazas a este aparello, o raio é refractado unha vez ao entrar na auga, e outra ao saír, para, desta maneira, conseguir separar as cores igual ca nun prisma de vidro.

Fonte imaxe.
Fonte dispersión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario