A dureza é unha propiedade mecánica dos materiais consistente na dificultade que existe para raiar ou crear marcas na superficie mediante micropenetración dunha punta. A dureza determínase con diferentes ensaios establecidos que nos permiten fixar unha clasificación.
Probablemente, a clasificación máis coñecida é a denominada "Escala de Mohs", non por ser a máis precisa, senón por ser a máis sinxela. Esta escala establece unha serie de 10 minerais ordenada de menor a maior dureza -con valor 1 o máis brando e 10 o máis duro-, aos que lles asigna unha serie de accións moi simples coas que se establecerá o rango ao que pertencen:
| Dureza | Mineral | Acción |
| 1 | Talco | Pódese raiar facilmente coa unlla. |
| 2 | Xeso | Pódese raiar con certa dificultade coa unlla. |
| 3 | Calcita | Pódese raiar cunha moeda de cobre. |
| 4 | Fluorita | Pódese raiar facilmente cun coitelo. |
| 5 | Apatito | Pódese raiar con certa dificultade cun coitelo. |
| 6 | Ortosa | Pódese raiar cunha lixa de aceiro. |
| 7 | Cuarzo | Raia o vidro. |
| 8 | Topacio | É raiado polo corindón e por ferramentas de carburo de volframio. |
| 9 | Corindón | Raiado por ferramentas de carburo de silicio. |
| 10 | Diamante | É o mineral máis duro coñecido, raiado por outro diamante. |

No hay comentarios:
Publicar un comentario