31 oct 2010

Ás 3 serán as 2. Que hai detraś do cambio horario?

A pasada madrugada (quen di madrugada, di ao deitarse ou erguerse), mudamos os nosos reloxos para adaptalos ao horario de inverno. Mais, que hai detrás do cambio horario?

A finais do Século XVIII Benjamin Franklin, embaixador dos Estados Unidos en Francia, comezou a reflexionar sobre as horas de luz que ao seu entender quedaban desaproveitadas en Francia por mor de erguerse á mesma hora en verán e inverno, e neste sentido enviou unha carta anónima a Le Journal, na que propuña ao goberno galo a toma de decisións un tanto radicais, como a de impor un imposto ás contraventás, racionar as velas, deter o tráfico ao anoitecer e facer soar as campás das igrexas ao saír o sol para espertar aos menos madrugadores.

A carta satírica de Franklin quedaría en anécdota, mais non moitos anos despois, en 1906, o construtor inglés William Willet, nun dos seus paseos a cabalo ao amencer, tería a idea de adiantar os reloxos para poder aproveitar mellor a luz solar. Esta idea convertiríase en proposta seria en 1907, editando unha voandeira que levaba por título O desperdicio da luz do día e que sería o comezo dunha intensa campaña en todo o Reino Unido.

A proposta de Willet contaría co apoio do Rei Eduardo VII, xente influínte do momento, como o escritor Arthur Conan Doyle, e políticos como Winston Churchill. Este último foi quen defendeu no Parlamento a proposta:

Un bocexo extra en primavera
e unha cabezadiña extra no outono
é todo o que pedimos.
Tomamos prestada unha hora dunha noite de abril
e devolvémola cinco meses despois,
cun interese de ouro.
Anaco do discurso de Winston Churchill

Malia todo a proposta non foi adiante e non sería até a Primeira Guerra Mundial cando os alemáns darían un paso adiante e o kaiser Guillermo II decretou o cambio de hora en abril de 1916 como medida de emerxencia para aforrar enerxía.

Días despois, o Reino Unido, Francia, Italia e Portugal, entre outros, copiaron a proposta de Alemaña. España sumaríase a ela en 1917, mais coa chegada da II República quedaría abolida.

Nas décadas dos 50 e 60 a medida de aforro perdeu popularidade. Destaca o acontecido nos Estados Unidos, onde até o ano 1966 a aplicación do cambio horario dependía dos concellos.

A partires dos 70, coa suba do prezo do petróleo, o cambio horario fíxose estábel en moitos países.

Segundo o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, no Estado español afórrase con este cambio aproximadamente un 5% do consumo enerxético. Mais outros estudos independentes rebaixan este aforro ao 0,4%, sinalando ademais que se eleva o consumo de gasolina un 2,8%.

Os defensores do cambio sinalan que alén das "vantaxes enerxéticas", gáñase polo impacto do cambio en seguridade viaria, condicións de traballo, modos de vida e ocio e saúde. Porén, os seus detratores indican que o cambio aumenta as posibilidades de contraer cancro de pel, provoca transtornos de sono e despista a conductores, aumentando con isto o risco de accidentes.

Para saber máis:
  • Saving the Daylight, de David Prerau
Fontes:

No hay comentarios:

Publicar un comentario