6 sept 2010

A WiFi

A proliferación de portátiles e netbooks (e máis recentemente smartphones, discos duros multimedia...) popularizou unha tecnoloxía de conexión de recente creación: a WiFi.

O seu nome vén de Wireless Fidelity, inda que hai quen sostén que isto non é de todo certo, senón que o nome é resultado dunha procura de nome encargado a unha empresa de marketing. Nomes aparte, a aparición da WiFi data do ano 2000, da man de Nokia e Symbol Technologies.

Unha rede WiFi emprega ondas de radio, de xeito semellante aos walwie-talkies, no sentido de que a información flúe de xeito bidireccional. As frecuencias de transmisión oscilan entre os 2.4 e os 5 GHz, frecuencias ás que é posíbel transmitir gran cantidade de datos.

As conexións por WiFi poden acadar distancias de máis de 100 metros (en espazo aberto, enténdese), se ben é certo que o máis probábel é que a esas distancias achemos unha conexión mala e suframos numerosos cortes, xa que o sistema está deseñado para distancias curtas.

Diferentes estandares

Existen varios estandares que definen as redes WiFi:

- 802.11a. Transmite a 5 GHz e acada unha taxa de transmisión de 54 megabits por segundo. Emprega OFDM (técnica de codificación que mellora a eficiencia dividindo o sinal de radio en varios sinais diferentes antes de chegar ao receptor, reducindo as interferencias).

-802.11b. Transmite a 2.4 GHz e é o máis lento dos estandares, cunha velocidade de 11 megabits por segundo e codificación CCK. É tamén o máis barato, pero pouco a pouco vai desaparecendo debido á baixada de prezo do resto de estandares.

-802.11g. Transmite a 2.4 GHz, pero é máis rápido ca o b, acadando os 54 megabits por segundo grazas a empregar codificación OFDM.

- 802.11n. Acada velocidades de 140 megabits por segundo e é o máis recente.

Instalación e seguranza

A instalación dun router WiFi para uso particular ou semiprofesional soe ser algo moi sinxelo, xa que adoitan vir preparados para autoinstalación. Mais debemos ter en conta á hora da configuración asumir certos aspectos de seguranza, se queremos previr o uso non autorizado da nosa rede (Quen non se conectou nunca a unha WiFi aberta dun veciño?).

Existen varios cifrados estandar, os máis destacados son os WEP, WPA e WPA2.

- WEB: É o máis vulnerábel de todos e resulta bastante sinxelo facerse cos contrasinais. Presenta cifrado de 64 e 128 bits.

- WPA: É unha evolución do WEB, presentando melloras no cifrado e xeración dinámica de claves de acceso.

- WPA2: Actualmente é o protocolo máis seguro para WiFi, evolución do WPA. Sen embargo non é universal, xa que os equipamentos máis antigos non son compatíbeis con esta tecnoloxía.

Á hora de poñer unha clave efectiva para a nosa WiFi, as recomendacións de sempre: algo longa, non usar palabras habituais, mixturar maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres... a partires de aí, todo imaxinación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario