20 sept 2010

As familias lingüísticas III: As Macrofamilias de Asia, Oceanía e Europa.

Xa falamos anteriormente do concepto de macrofamilia lingüística e das macrofamilias africanas, así como das macrofamilias americanas. Hoxe trataremos as macrofamilias que faltan: as de Asia, Oceanía e Europa, mais deixando para unha proxima entrada ao Phylum Indoeuropeo, do que falaremos máis profundamente. Seguimos, como nos anteriores posts, a clasificación de Ruhlen (1987).

PHYLUM INDOEUROPEO: Exténdese por case toda Europa, Persia e parte da India. Falaremos del noutra entrada.

PHYLUM URÁLICO: As linguas urálicas son un grupo dunhas 30 linguas que se extenden por parte do norte de Rusia, os Montes Urais e algunhas partes de Europa. Dentro deste phylum, a familia fino-ugria inclúe o finlandés, o estonio, o lapón e o húngaro, que son as únicas linguas de Europa Occidental, xunto co vasco, que non pertencen ao phylum indoeuropeo. Este phylum está caracterizado por estar formado por linguas aglutinantes, sen xénero gramatical e con postposicións en vez de preposicións.

PHYLUM CAUCÁSICO: Este phylum inclúe linguas como o xeorxiano, o checheno ou o abkhazo, faladas en Xeorxia e no sur de Rusia. Estas linguas teñen pouca relación entre si mais que o feito de estar ailladas doutras linguas e a súa proximidade xeográfica, polo que se ten dubidado da adecuación deste phylum.

PHYLUM ALTAICO: Este phylum tamén está discutido polos lingüistas históricos, sendo unha agrupación proposta para tres familias ben coñecidas e aceptadas:
A familia túrquica está conformada por diversas linguas que se extenden desde Turquía, co turco como exemplo máis coñecido da familia, até Rusia Oriental (iakuto, tártaro), pasando por Azerbaijan e Irán (azerí), Asia Central (turcómano, kazajo, uzbeko...) e o Oeste de china (uigur).
A familia mongola inclúe ao mongol e varias linguas relacionadas faladas en Mongolia, e zonas de Rusia, China e Afganistán.
As linguas tunguses, faladas en zonas de Rusia e China e cuxa lingua máis representativa é o manchú, idioma de Manchuria (Norleste de China).

Varios dos propoñentes desta macrofamilia inclúen nela o xaponés e o coreano, que Ruhlen clasifica como linguas ailladas.

PHYLUM PALEOSIBERIANO que inclúe unhas cinco linguas do extremo oriental de Rusia e a península de Kamchatka, faladas por unhas 20.000 persoas. Estas linguas son testemuñas dun período máis antigo no que eran predominantes na zona, sendo despois desprazadas por linguas da familia altaica e do ruso.

PHYLUM DRÁVIDO, inclúe linguas faladas no sur da India e Sri Lanka, coma o tamil, o telugú, o canarés e o malabar. Estas linguas non distinguen entre oclusivas xordas /p/ e sonoras /b/.


PHILUM SINO-TIBETANO. Inclúe unhas 250 linguas faladas por máis de 1.000 millóns de persoas. Aínda que a lingua máis coñecida sexa o chinés e os seus dialectos mandarín e cantonés, tamén inclúe o tibetano e o birmanés. E a segunda macrofamilia con máis falantes, só por detrás do Phylum Indoeuropeo. A macrofamilia sinotibetana ten moitas similitudes en vocabulario, mais poucas no plano gramatical.


PHYLUM INDOPACÍFICO Inclúe as linguas da illa de Papúa, a zona con maior diversidade lingüística do planeta, cunhas 700 linguas nunha illa duns 5 millóns de habitantes. Sendo unha zona aínda pouco investigada, esta macrofamilia é até certo punto resultado da falta de relación das linguas de Papúa con outras familias lingüísticas máis que da similaridade dos seus integrantes entre si.

PHYLUM AUSTRALIANO Formado polas linguas aboríxenes faladas na illa de Australia, unhas 170 linguas. Teñen en común un sistema fonolóxico de 3 vogais e unha categoría de número de tres membros (singular, dual, plural) cun plural marcado por reduplicación.


PHYLUM ÁUSTRICO, o último phylum que tratamos, tamén está discutido, e inclúe outras tres familias lingüísticas ben coñecidas:

A familia thai, que se extende por Thailandia e Laos, sendo o Thai a lingua máis importante con 60 millóns de falantes.

A familia Austronésica que se extende pola Illa de Madagascar en África; Indonesia, Nova Zelanda e o resto de illas do Pacífico, incluíndo toda Oceanía menos a illa de Australia. Inclúe o malgache, o tagalo, o malaio, o xavanés, o maorí, o tahitiano, o fidjio ou o rapanui da Illa de Pascua. Estas linguas están relacionadas ao provir dun antecedente común que se expandiu por este inmenso territorio desde a illa de Taiwan.



A familia Austroasiática, que inclúe ás linguas de Vietnam e Laos, destacando o vietnamita, o khmer e o mon.


Bibliografía:

GARCÍA MIGUEL, José María (2000) "Linguas do mundo e tipoloxía lingüística", en F. Ramallo, G. Rei-Doval e X.P. Rodríguez Yáñez (eds.) Manual de ciencias da linguaxe. Vigo: Xerais, pp. 173-220
RUHLEN, Merrit (1987) A Guide to the World's Languages. Vol 1: Classification. Stanford: Stanford University Press

No hay comentarios:

Publicar un comentario