Continuando o post sobre neveiras, vou explicar o funcionamento dun aire acondicionado e dunha bomba de calor. Para comezar situémonos en pleno mes de agosto con moita calor, alguén di "vou abrir a porta da neveira para que se arrefríe a habitación", que conseguiría ese alguén? Arrefriaría momentaneamente a habitación debido ao aire frío que almacena a neveira, pero en canto os aires se mesturasen a temperatura vovlería subir, xa que o compresor tamén xera calor debido ao traballo que realiza. Pero ben, se colocamos a neveira no medio dun tabique deixando cara a un lado o interior da neveira coa porta aberta, e cara ao outro o condensador (a reixa traseira), pasariamos a ter un refrixerador nunha habitación, e un calefactor na outra.
Desta idea tan simple parten os sistemas de climatización. Se poñemos nunha casa un aparello (aquí xa terá unha forma diferente da neveira) onde o condensador quede fóra da casa e o evaporador dentro, a casa arrefriarase quecendo o ambiente exterior (que obviamente non se notará). Se preto da instalación hai un río ou un regato, poderemos somerxer o condensador na auga para optimizar o funcionamento, así o intercambio de calor será máis eficiente, sen ser significativo o aumento de temperatura do mesmo.
Agora, se quixésemos ter un sistema de calefacción, colleriamos un aparello que estivese ao revés, é dicir, o evaporador fora e o condensador dentro. Poderiamos somerxer na auga ou enterrar o evaporador para optimizar o intercambio de calor, mentres que o condensador poderiamoso deixalo directamente baixo o pavimento para ter un chan radiante, ou poderiamos usalo para quentar a auga dun circuíto de radiadores.
O ideal sería ter unha instalación na que puidésemos inverter a circulación do refrixerante para que onde antes estaba a baixa temperatura pasase a estar a alta temperatura e viceversa. Pois isto é posible grazas a unha válvula de catro vías, e a dúas válvulas que permitan o fluxo nun único sentido formando o esquema seguinte:
Aquí bastaría con cambiar a posición da válvula de catro vías para que o condensador pase a ser evaporador e o evaporador condensador, tendo así un aire acondicionado no verán e unha calefacción en inverno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario