28 jul 2010

O ano en que Inglaterra tivo 3 reis

1066 foi un ano convulso en Inglaterra:

Inglaterra tivo 3 reis, dúas invasións coas súas subsecuentes batallas e o cometa Halley sobrevoando os ceos.



Poñámonos en antecedentes:

O 5 de xaneiro de 1066 morre Edward the Confessor, o último rei da casa de Wessex (Anglo-Saxóns), que conseguira o trono en 1042 despois de 26 anos de dominio danés sobre o trono (1016-42).

Edward morreu sen descendencia. E como case todas as mortes sen descendencia na Idade Media, ocasionou enfrontamentos.



Tres candidatos xurdiron de cara a ocupar o trono:

Harold Godwinson, cuñado de Edward, era o candidato Anglo-Saxón ao trono. Os anglosaxóns alegaban que Harold fora nomeado como herdeiro por Edward no seu leito de morte, e coroárono Rei dous dias despois da morte de Edward.

William, o conquistador, ou o bastardo (dependendo de se a fonte é normanda ou anglosaxona), era Duque de Normandía e o candidato normando ao trono. Tiña dereitos (tenues, porén) de sangue, xa que o seu avó era irmán da nai de Edward. William reclamaba o trono sobre a base de que Edward llo prometera durante o seu exilio en Normandía mentres que os daneses ocupaban o trono de Inglaterra. Ademais, Harold Godwinson fora rescatado por William dun cautiverio despois dun naufraxio, xurándolle despois lealdade e vasalaxe.

Por último, Harald Hardrada, o rei de Noruega, reclamaba dereitos sobre o trono en función dun acordo cos antigos reis daneses de Inglaterra, segundo o cal á morte do rei os territorios deberían pasar a mans da coroa de Noruega.



Tres candidatos, un trono.

A situación por diante estaba bastante clara: A Guerra. Durante a primavera e o verán, os contrincantes reuniron forzas. William preparou unha flota (algúns din que de case 700 barcos) en Dives-sur-Mer, (relativamente cerca do lugar do moi posterior desembarco de Normandía), e conseguiu o apoio do papa para a súa empresa. Harald Hardrada uniu aos seus 300 barcos un aliado inesperado, o antigo Duque de Northumbria e irmán de Harold, Tostig, que estaba enemistado co seu irmán despois de que este apoiase as revoltas dos campesiños do seu ducado contra a súa brutalidade.

Entre mentres, Harold Godwinson tentou defender a illa. Durante 8 meses tivo un exército mobilizado na costa Sur de Inglaterra e unha flota de barcos vixiando o Canal da Mancha. Porén, os suministros comezaban a escasear, e o 8 de setembro, co comezo das colleitas, Harold desmobilizou as súas tropas e voltou a Londres.

Porén, nada máis chegar a Londres recibiu as novas de que Harald Hardrada e Tostig acababan de desembarcar a 10 millas de York. Harold tivo que reorganizar o seu exército rapidamente e andar nada menos que 185 millas (297 km) en catro dias para defender a illa dos noruegos. Na Batalla de Stamford Bridge (localización), que tivo lugar o 25 de setembro de 1066, Harold Godwinson colleu por sorpresa ás forzas noruegas, que non contaban cunha aparición tan repentina, e conseguiu unha victoria rotunda dos anglosaxóns. Tanto Tostig como Harold Hardrada deixaron a vida na batalla e só entre 15 e 30 dos barcos noruegos (dependendo das fontes) conseguiron fuxir.



Porén, a felicidade de Harold sería moi efímera, xa que tres días despois, o 28 de setembro, o exército de William tocaría terra na Bahía de Pevensey, ao Sur de Inglaterra, trasladándose rapidamente a unha posición vantaxosa en Hastings, un pouco ao leste. Mentres William esperaba en Hastings, Harold viuse forzado a desplazar o seu exército de novo, esta vez 241 millas (387 km).


Ambos exércitos enfrontaronse na Batalla de Hastings (localización) o día 14 de outubro de 1066. A batalla foi longa e con altibaixos, mais os anglosaxóns foron vencidos pola impaciencia: durante un ataque normando no que os saxóns se defendían mediante un muro de escudos (ver dereita), os normandos finxiron unha falsa retirada, e mentres que os saxóns desfacían a formación e se lanzaban polos normandos, estes deron mediavolta e atacaron aos saxóns desprotexidos. Tras isto, e xa cos saxóns en minoría, Harold sería atacado e, segundo a lenda, morto por unha frecha que lle atravesou o ollo, antes de ser decapitado.

Cos anglosaxóns sen rei e cun exército agotado tras recorrer 700 km e loitar dúas batallas en menos dun mes, William non tería moito problema en conseguir o trono de Inglaterra. O día de Nadal, William de Normandía foi coroado rei de Inglaterra, comezando a influencia normanda sobre Inglaterra que causaría modificacións de calado na lingua, a sociedade e a cultura das Illas Británicas, aínda que disto falaremos algún dia noutra entrada.




Notas:

  1. Varias das imaxes da entrada son fragmentos do Tapiz de Bayeux. A historia do tapiz (tanto a que conta o tapiz como a que sufriu), tamén serán obxecto dunha entrada proximamente.
  2. Na sociedade medieval, a presencia dun cometa no ceo considerábase un mal augurio. Harold loitou non só contra unha dobre invasión que lle obrigou a percorrer 700 km, senón contra as supersticións dunha poboación que consideraba a aparición do cometa como un aviso da segura invasión dunha potencia estranxeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario