Para introducirnos nos protocolos de rede podemos usar, como sinalan James F. Kurose e Keith W. Ross en Redes de Computadores, unha analoxía humana que axude a entender a noción do protocolo de rede.
Basicamente, un protocolo vén a ser un intercambio de mensaxes entre dous suxeitos (máquinas, no caso de protocolos de rede):
A: Ola! ('Solicitude conexión TCP')
B: Ola! ('Resposta de conexión TCP')
A: Podes dicirme que hora é? ('Get www.mallando.com')
B: Son as dúas (arquivo web)
Pero, que pasaría se as dúas persoas empregasen diferentes protocolos (por exemplo, falasen diferentes idiomas)? Seguramente non se entenderían. Do mesmo xeito, se dúas máquinas empregan protocolos diferentes, tampouco se entenderían.
En Internet, todas as actividades que implican a dúas ou máis entidades remotas ríxense por protocolos (pensemos en routers, cables...), que se encargan de definir o formato e a orde das mensaxes intercambiadas entre ditas entidades.
Sen lugar a dúbidas, o protocolo máis coñecido para Internet é o TCP/IP, xurdido despois de moitos anos de investigación tras a construción de ARPANET (as orixes de Internet). O que se buscaba era darlle importancia aos host e non ás propias redes de comunicación, eximíndoas en certo modo, de responsabilidade na comunicación. Iso fixo posíbel comunicar redes diferentes, sen importar as características destas.
A primeira proba do funcionamento do protocolo TCP/IP foi comunicando a Universidade de Stanford e a a de Londres, en 1975. Dous anos despois fíxose outra proba na que se comunicaron 3 redes, unha en USA, outra en Reino Unido e outra en Noruega. O éxito das mesmas fixo que o Departamento de Defensa dos EUA declarasen este protocolo como estandar para as súas comunicacións, en 1982.
En canto ao seu funcionamento, unha rede TCP/IP transfire datos mediante o ensamblaxe de bloques de datos en unidades chamadas paquetes; é dicir, os arquivos distribúense en varios paquetes. Estes paquetes dispoñen dunha cabeceira de control que contén datos como a dirección de destino. Neste sentido, o protocolo IP garante que as aplicacións se executen de xeito transparente por redes interconectadas, mentres que TCP asegura que os datos son entregados
Pero existen moitos outros protocolos de rede, que se clasifican por capas. Cada capa corresponde a un nível (físico, rede, datos...). Algúns exemplos son:
Capa 1 (nível físico): o cable coaxial, fibra óptica, par trenzado, microondas...
Capa 2 (nível de enlace de datos): ethernet, fast ethernet, gigabit ethernet...
Capa 3 (nível de rede): ARP, RARP, IP, IGMP
Capa 4 (nível de transporte: TCP, UDP, SPX
Capa 5 (nível de sesión): NetBIOS, RPC, SSL)
Capa 6 (nível de presentación): ASN. 1
Capa 7 (nível de aplicación): HTTP, HTTPS, SMPT, POP3, IMAP...
Bibliografía: Redes de Computadores. Un enfoque descendente basado en Internet. James F kurose e Keith W. Ross. Capítulo 1

No hay comentarios:
Publicar un comentario