4 ene 2010

O que debes saber sobre VoIP

Cada vez máis - quizais pola crise, quizais non - os usuarios buscamos alternativas de comunicación que nos permitan aforrar uns céntimos (ou euros...). Este feito comprobouse neste Nadal, onde as operadoras españolas reduciron até un 8% os seus ingresos con respecto ao ano pasado polas sms nos días de Noiteboa e fin de ano, os máis frutíferos do ano. Pola contra, as redes sociais serviron como alternativa para as felicitacións navideñas, feito que fixo que Facebook superase a Google en número de visitas por vez primeira.

Entre as solucións de voz alternativas está a chamada VoIP (Voice Over Internet Protocol), que é un termo que engloba ás diferentes tecnoloxías para transmisión de voz por redes IP, como Internet ou outro tipo de redes baseadas en transmisión de paquetes (é dicir, 'anacos' de información que viaxan por separado e se xuntan en recepción para ter a información completa).

A nível usuario non se perciben diferenzas entre usar un sistema baseado en VoIP ou telefonía tradicional (en ambos casos 'simplemente' marcaremos un número e comunicaremos co noso interlocutor), mais a nível tecnolóxico si que hai cambios: a VoIP funciona sobre un rede IP, mentres que a telefonía tradicional faino a través dunha RTC, Rede Telefónica Conmutada, ou RDSI, Rede Dixital de Servizos Integrados.

Vantaxes da VoIP

Entre as vantaxes máis significativas da VoIP podemos destacar a mobilidade (podemos recibir chamadas en calquera rincón do mundo, só precisamos ter acceso á rede) e o aforro económico, existindo servizos que permiten comunicarnos totalmente de balde con outros clientes VoIP. (é dicir, só nos cobrarían por chamar a usuarios non-VoIP.

O xeito máis sinxelo para poder disfrutar da VoIP é dispor dun teléfono adaptado (teléfono IP), inda que un computador equipado con micrófono e altofalantes fai a mesma función. Tamén existen adaptadores que transforman o sinal dun teléfono fixo 'normal' a telefonía IP, similares aos microfiltros aos que se conectan os terminais analóxicos na tecnoloxía ADSL.

Ademais, é básico contar cunha conexión a Internet de alta velocidade (cable, ADSL, ...) pois ao transmitir voz en tempo real precísase certa calidade/velocidade que nos garanta un servizo digno.

Entre as vantaxes da VoIP tamén atopamos a non necesidade de contar coa liña telefónica, aforrando os custos en concepto de 'cota de liña', ou a posibilidade de manter múltiples conversas á vez dende o mesmo domicilio contractual, sempre e cando o ancho de banda sexa o acaído.

Desvantaxes da VoIP

Pero non todo é perfecto, e a VoIP non ía ser menos. Que problemas podemos atopar? Pois o máis inmediato é algo básico: un corte eléctrico. Que pasa se unha tormenta nos deixa sen suministro de electricidade? Pois que non poderemos ter o noso equipamento de acceso á rede (routers, ...) funcionando e, polo tanto, non teremos Internet nin nada que precise deste.

Nos E.U.A. xurdiu o problema de acceso á liña de atención de emerxencias 911 dende as redes VoIP. O servizo do 911 basea o seu funcionamento na localización do número chamante nada máis descolga. É dicir, unha vez que alguén marca o teléfono de emerxencias, a súa chamada é desviada ao servizo máis próximo ao seu domicilio (máis rapidez na resposta) e o seu enderezo é xeolocalizado polo número de abonado. Como non existe forma de asociar un enderezo IP a un área xeográfica, dependerá do usuario confirmar a súa situación, enderezo, etc, o que repercute nunha peor atención e maior tempo de resposta.

Pasos que segue a comunicación por VoIP

Usando un teléfono analóxico cun adaptador para VoIP, chamado ATA (Analogic Telephone Adaptor), os pasos a seguir serían para facer unha chamada serían os seguintes:

1. Descolgar o teléfono. Isto fai que se envíe un sinal ao ATA.
2. O ATA recibe o sinal e envía un ton de chamada, que fai saber ao usuario que ten conexión a Internet.
3. Márcase o número de teléfono do interlocutor co que queremos comunicar, que se convirte a dixital polo ATA e gárdanse temporalmente.
4. Os datos do número telefónico envíanse ao proveedor de servizos VoIP. Os ordenadores do proveedor revisan a validez do número introducido.
5. A continuación, o proveedor determina a quen corresponde o número e o transforma nun enderezo IP.
6. O proveedor conecta os dous dispostivos que interveñen na chamada. No recepor, o seu ATA fai que soe o teléfono.
7. Cando o receptor descolga, establécese a comunicación, o que equivale a que cada sistema está agarando recibir paquetes do outro sistema. No medio, a infraestrutura de Internet manexa os paquetes de voz da comunicación, do mesmo xeito que faría con correo electrónico ou unha web.
8. Cando remata a chamada, cólgase o teléfono. O circuíto péchase.
9. Os ATA envían un sinal ao proveedor de telefonía IP informando de que a chamada concluíu.

VoIP móbil

Non é ningunha novidade que as tarifas de móbil no Estado español son totalmente desproporcionadas. Así, as grandes compañías como Vodafone, Movistar ou Orange aplicaban -e seguen aplicando - unhas tarifas de voz, mensaxería e datos desproporcionadas, de xeito que é normal pagar 19 céntimos/minuto ou 15 céntimos/sms (cando enviar mensaxes dende o extranxeiro, en roaming, custa 11 céntimos/sms, por regulación da UE). O desembarco das OMV (Operadoras Móbiles Virtuais) abríronnos os ollos: pódense reducir eses prezos. Así, Simyo rompeu a barreira cunha tarifa de 8 céntimos/minuto e 8 céntimos/sms, que seguirían outros como móbil R, reducindo os prezos até 6 céntimos/minuto.

Neste sentido, podémonos preguntar. Pódense reducir ainda máis estes prezos? A resposta é obvia: si. Como? Pois usando VoIP móbil, é dicir, empregando os teléfonos móbiles para conexións de datos (Internet) e proveer de telefonía por VoIP.

Por que non se fai? Pois por razóns económicas. As compañías dinse: se podo cobrar cada minuto de voz por un lado e o consumo de datos por outro non gaño máis que se só cobro datos? Obviamente si. Iso fai que as nosas compañías 'capen' os servizos VoIP.

De todos xeitos, hoxe en día, coa proliferación dos terminais móbiles con wifi, podemos empregar sen problema a tecnoloxía de VoIP cando conectamos cunha rede usando esta tecnoloxía na casa, locais con acceso a Internet, traballo, universidades.... Ademais, algunhas compañías comezan a facer pequenos giños, permitindo o uso do Skype a través da conexión 3G, como Masmóvil.

O meu presaxio para o futuro é que as compañías van acabar por estar na mesma 'onda' que se moven os clientes e permitirán estes servizos pagando só as conexións de datos. É o futuro, é o que toca.

Algúns recursos

- VoIP Buster: Permite chamar de balde a teléfonos fixos de todo o mundo, pero con limitacións. Pode resultar interesante facer a proba que permiten na súa web.
- Skype: O programa de VoIP por excelencia. Chamadas de balde entre usuarios Skype.


Bibliografía e Webgrafía

- ¿Qué es VoIP? ¿Que es la Telefonía IP?
- The definitive guide to VoIP (pdf)
- Wikipedia (en): Voice over Internet Protocol

1 comentario:

  1. Respecto ao de usar VoIP en Android:

    http://www.miandroideyyo.com/2009/05/voip-sobre-android-htc-magic-y-vodafone.html

    ResponderEliminar