
Nestes últimos días estase a falar moito da Televisión Dixital Terrestre, a TDT, xa que estamos inmersos no apagamento do sinal analóxico e no acendido dixital (se ben é certo que este último termo non é de todo correcto, pois a TDT xa leva acesa uns cantos anos...). Media Galiza só pode ver a televisión deste xeito, e a outra metade faráo o mais tardar o 3 de abril.
Non cabe lugar da dúbida que a chegada da TDT supón un fito importante na historia da televisión. A codificación dixital fai posíbel aumentar o número de canles e mellorar a calidade das emisións, acadando rangos similares ao DVD. Ademais, permite unha maior itneractividade co usuario, permitíndolle escoller audio en diferentes idiomas, subtítulos... e unha importante gama de servizos interactivos, aínda en fase de desenvolvemento. Máis exemplos, aquí.
Mais esta transición non está a ser un camiño doado. Así como cando se pasou da televisión en branco e negro a cor adaptáronse os sinais de croma para que a xente non tivera que mercar un novo aparello, isto non é posíbel co sinal de televisión dixital. Porén, os usuarios non poden quedar 'sen facer nada'. É dicir, precísase a complicidade da cidadanía, que terá que mercar ou ben un decodificador de TDT, ou ben un novo aparello de televisión.
Alén diso, quedarán moitas zonas en 'sombra', sobre todo en lugares con orografías complicadas, como é o caso de Galiza, por considerarse de 'escaso interese', é dicir, por ter menos de 50 veciños. Para estes casos, hai unha solución alternativa, a TDT por satélite, mais precísase facer unha inversión de 300 euros en antenas e instalación (non suvencionábeis), alén de contar cun permiso especial do Ministerio de Industria: é dicir, non todo o mundo pode instalarse a antena para recibir TDT SAT, só aqueles nos que uns instalador certifique que, efectivamente, non chega a cobertura terrestre (cousas de dereitos...).
Mais, quizais a eiva máis importante da experiencia dixitalizadora sexa a 'adaptación' das persoas con maiores dificultades coa tecnoloxía. Os nosos maiores, por exemplo. Que pasa con eles? Como instalan os aparellos, como aprenden a usalos?
Neste sentido, teñen xurdido algunhas experiencias ao longo do Estado, non en Galiza, como Voluntarios TDT, nas que se premia a estudantes con créditos de libre elección, ou vantaxes en clubes deportivos... a cambio de colaborar axudando a este campo poboación a adaptarse á televisión dixital (instalarlles o deco, ensinarlles como funciona...). Dende logo, coido que é unha experiencia moi necesaria e doada, e debéramos facernos partícipes.
A través dunha materia cursada este cuatrimestre, Televisión, fixemos unha experiencia similar á de Voluntarios TDT. Tratábase de pór o noso graíño de area instalándolle a TDT a alguén próximo (avós, veciños...) que estiveran dentro destes grupos menos tecnoloxizados.
Velahí vos deixo o resultado da miña experiencia: Experiencia. Instalando a TDT á avoa (pdf)
Descargas de interese:
- Listado de canles/licenzas/servizos (Código Cero nº77, páx 15-18) (pdf)
Ligazóns de interese:
- Oficina Técnica da TDT. Xunta de Galiza
- Cobertura
No hay comentarios:
Publicar un comentario