25 ago 2011

LDK 180: Como se consiguen as distintas cores dos fogos de artificio?


Os foguetes levan no seu interior unha cantidade de pólvora. No momento no que a chama entra en contacto coa pólvora prodúcese unha explosión, o que da lugar a un aumento importante da temperatura. Este aumento da temperatura provoca que os electróns dos átomos do material que vai producir a cor se exciten atómicamente.

Desta maneira, os electróns móvense dunha forma moito máis rápida e a súa enerxía aumenta exponencialmente. Como todo na natureza, o átomo intenta recuperar o seu estado enerxético orixinal, que recibe o nome de estado fundamental ou de mínima enerxía. Así, a única maneira que ten de facelo é liberando a enerxía emitindo fotóns, por medio dun destello luminoso.

Distintos átomos e distintas moléculas emitirán en diferentes lonxitudes de onda, e aínda que a maioría corresponden á parte non visible do espectro luminoso (infravermello, ultravioleta,…), outros emiten luz de distintas e brillantes cores que os nosos ollos poden percibir.

E como conseguir cada cor no ceo? Para isto utilízase como material os diferentes elementos da táboa periódica, onde as principais cores e os materiais usados para conseguilas son:
- Para as tonalidades de cor vermella: o estroncio é o elemento empregado para o carmesí pálido, o calcio para o vermello amarelado e o litio para o carmín.
- Para as tonalidades de cor amarela: o sodio produce un ton amarelo puro e brillante.
- Para as tonalidades de cor verde: co bario obtense un ton verde amarelado, co cobre un verde esmeralda, co telurio un verde herba, co talio un verde azulado e co cinc un verde esbrancuxado.
- Para as tonalidades de cor azul: co cobre prodúcense destellos celestes e co arsénico, chumbo ou selenio, azuis pálidos.
- Para as tonalidades de cor maxenta: co cesio lógrase a luz púrpura, co potasio o maxenta e co rubidio o violeta.
- Para as tonalidades de cor branca: o aluminio o elemento empregado para producir chamas e faíscas prateadas e brancas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario