4 jul 2011

Tipos de contratos

Na construción empréganse diversos tipos de contratos segundo o tipo de obra, ou a intención do cliente.

Contrato por unidade de medida.
O contrato divídese en prezos unitarios (ver presupostos) coas medicións do proxecto. Unha vez comezada a obra, vaise certificando segundo se vai executando -habitualmente mes a mes-, é dicir, realízanse e decláranse oficialmente as medicións do executado pola construtora.

O executado non ten por que ser o mesmo có contratado, este valor pode variar e, para achar o valor final, chega con multiplicar o prezo unitario polo valor final da medición.

Contrato a tanto alzado
Este contrato, ao contrario anterior, ten un prezo certo, inamovible. Este prezo ten risco para ambas partes. O construtor realiza as medicións do proxecto contratado e establece un prezo para a obra realizada, e todas as unidades que se executen a maiores do proxecto terán que volver ser negociadas.

Este tipo de contrato pódese empregar para unidades concretas dentro do contrato por unidade de medida (o que vimos anteriormente), por exemplo, unha piscina.

Contrato por administración
Execútase a obra, que se vai pagando en función das facturas dos materiais e dos diarios de traballo. Este contrato é claramente favorable ao construtor que pode "inflar" as facturas, ou tomar os traballos con calma e así cobrar máis.

Este tipo de contrato tamén se pode empregar para unidades de obra concretas dentro doutro tipo de contrato.

Contrato chave en man
A través deste contrato contrátanse proxecto e obra, é dicir, o contratista da o prezo da obra proxectada e executada. Este tipo de contrato emprégase principalmente en obras industriais e en contratos coa administración. Cando se remate a obra, ten que estar dispoñible para usala.

Contrato prezo máximo garantido
Esta é unha variante do contrato a prezo cerrado na que aparece a figura dun novo "axente" (non recoñecido pola Lei de Ordenación da Edificación), o Project Manager. O promotor negocia con este axente, un prezo da obra, unhas características, primas por prazos, por minoración do custo, etc. A partir de aquí, é o Project Manager quen negocia con construtoras, quen compra os materiais e quen leva a xestión da obra.

Este tipo de contratos empréganse en promocións levadas a cabo por persoas que non están relacionadas coa construción. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario