23 jul 2011

LDK 166: Os anos santos

O próximo luns é o Día Nacional de Galicia e o día do Apóstolo Santiago, e este ano non é Ano Santo Compostelano nin o volverá ser até 2021, xa que até ese ano non volverá caer un 25 de xullo en Domingo.

En realidade é moi fácil calcular por que isto é así, xa que a periodicidade coa que un día determinado cae nun día da semana repítese en ciclos de 6-11-6-5 anos, completando un ciclo completo cada 28 anos.

E a que é debido isto? Pois ao efecto dos anos bisestos:

Un ano non bisesto ten 365 días, 52 semanas e un día. Isto provoca que se unha data determinada cae en luns, o ano seguinte, se non hai días bisestos, esa mesma data caerá en martes.

Un ano bisesto ten 366 días, 52 semanas e dous días. Neste caso, se unha data determinada cae en luns, o ano seguinte, se hai días bisestos, esa mesma data caerá en mércores.

Así, temos o ciclo de 28 anos: Tomamos como referencia un ano 0 bisesto e os días repetiranse en 6 anos (5 non bisestos e 1 bisesto), 11 anos (8 non bisestos e 3 bisestos, no 2º dos cales, o ano 12, salta por riba do noso día da semana), 6 anos (5 non bisestos e 1 bisesto) e 5 anos (3 non bisestos e 2 bisestos, incluíndo o propio ano 28 que pecha o ciclo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario