27 jun 2011

Na procura de alternativas a Dropbox (e III)

Tras os dous artigos anteriores, rematamos con este a serie de alternativas a Dropbox. De seguro que existen moitas outras alternativas que non consideramos e que poden ser tan ou máis interesantes das que vos amosamos. Xa sabedes que nese caso podedes comentárnolo nos comentarios ou a través dos nosos perfís nas redes sociais Twitter e/ou Facebook.

Así que hoxe deixamos acó outras novas alternativas:

Amazon Cloud Drive

O servizo de almacenaxe na nube de Amazon ofrece 5 GB de datos gratuítos e a posibilidade de acceder aos nosos datos dende un número ilimitado de dispositivos, algo a ter en conta, posto que os servizos que limitan a 2 terminais de acceso resultan sendo un tanto incordiantes.

Pódese almacenar todo tipo de información (música, vídeos, fotos, documentos...) e o acceso principal ao mesmo efectúase dende calquera navegador web.

Pero ademais, as cancións que merquemos na tenda de Amazon almacenaranse directamente no noso disco virtual, podendo reproducilas (ao igual que o resto de música que teñamos nel) na nube grazas ao Amazon Cloud Player.

Se queremos máis espazo temos varias opcións, a primeira delas relacionada coa compra de música en Amazon. E é que, se mercamos un álbume MP3 obtermeos 20 GB extra de balde durante un ano, unha oferta moi apetecíbel e económica.

En cano alternativas de pago temos opcións de 20, 50, 100, 200, 500 ou 1000 GB, que saen a 1 $/1 GB anual (polo que se collemos 50 GB sairanos por 50 $/ano, étc).

Sky Drive

Sky Drive é un servizo ofrecido por Microsoft vencellado ás contas Live (MSN, Hotmail, Live...), que dispón de 25 GB de espazo gratuíto no que poderemos gardar todo tipo de documentos.

Unha funcionalidade que vai moi ben é a de poder compartir documentos cos nosos amigos, xa que é realmente sinxelo facer público un determinado cartafol con eles (por exemplo, para compartir as imaxes dunha viaxe ou o que queiramos).

Ademais tamén ten ben configurada a función 'arrastrar e soltar', polo que non teremos que andar remexendo en cartafoles para subir os nosos arquivos. Basta con que arrastremos os nosos arquivos e os soltemos no navegador, onde os queiramos gardar.

unidade R

E xa se falamos de unidades privadas, vencelladas a ter contratados outros servizos, podemos falar de casos como o de R, que ofrece a todos os seus clientes (que teñan activados os correos vencellados aos seus contratos) unidade R, que polo de agora está en fase beta pero que en breve se abrirá a todo o mundo.

unidade R ofrece 5 GB gratuítos para almacenar todo tipo de artigos, coa posibilidade de compartir arquivos con outros contactos, e acceso dende calquera computador que dispoña de conexión a Internet.

Ubuntu One

Os usuarios de Ubuntu saberán (ou soaralles) Ubuntu One, un servizo de almacenaxe na nube totalmente integrado no sistema operativo, que permite subir arquivos e/ou cartafoles até un máximo de 2 GB (de balde).

Pero pódese contratar máis espazo, como o plan 20 GB por 29,99 $/ano. O servizo tamén dispón dunha versión para móbiles, con aplicación incluída, malia que neste caso sexa preciso pagar 39,99 $/ano (sen verse reflexado en máis espazo).

Permite o acceso dende tantos computadores como queiramos e dende hai pouco dispón dunha beta de aplicación para Windows tamén.

iCloud

E xa para rematar, iCloud, o servizo de Apple presentado na última keynote e que verá a luz en outono. Trátase dun disco duro só para sincronizar arquivos entre dispositivos Apple (iPad, iPhone, iPod touch, Mac) e PC.

Con 5 GB de almacenaxe, servirá para sincronizar fotos, música, aplicacións... pero tamén contactos e calendarios.

Ligazóns aos recursos:

No hay comentarios:

Publicar un comentario