7 jun 2011

LDK 146: Decimar

Unha das palabras máis habituais ao escoitar falar de grandes desastres ou de guerras é que a guerra, o desastre natural ou a epidemia decimou a poboación. E ben, de onde vén o verbo decimar?

A orixe do verbo decimar é a práctica da decimatio nos exércitos romanos. A decimatio era unha medida reservada a unidades que amosaban unha grande cobardía, que se retiraban en combate incumprindo a súa obriga de protexer os compañeiros, causando graves danos; ou que se amotinaban.

O castigo era moi cruel: a unidade seleccionada era dividida en grupos de dez, sen importar rango ou méritos anteriores, e de entre eles seleccionábase un integrante de forma totalmente aleatoria (normalmente mediante o método das bolas negras e brancas), que sería executado polos outros 9 membros do grupo mediante a lapidación ou o apaleamento. Os supervivintes tiñan que mover as súas tendas fóra do campamento e eran alimentados con cebada en vez de trigo.

Este tipo de castigo, que era especialmente cruel, pois a morte era totalmente aleatoria e a mans dos propios compañeiros, adoitaba ter un resultado terrible para a unidade decimada, pois perdía a súa moral polo trauma sofrido e tiñan que se expór aos perigos da vida fóra do campamento, mais, segundo os seus defensores na época, desde o punto de vista dun exército completo tiña vantaxes moi importantes, pois evitaba posibles futuras desercións e ademais limitaba a vinganza dos compañeiros, que doutro xeito podería se extender máis aló do 10% das tropas das compañías castigadas.

Obviamente, no seu uso actual decimar non fai referencia á eliminación dun un décimo da poboación, senón unha porcentaxe importante. Porén, aínda que poida parecer chocante, esta medida foi aplicada ao pé da letra en épocas recentes na I Guerra Mundial ou na Guerra Civil Finlandesa.

1 comentario:

  1. Moi instructivo, moi boa entrada, eu sempre pensei que tiña algo que ver co diezmo como tributo a igrexa.

    ResponderEliminar