14 may 2011

LDK 136: O sistema de representación proporcional mixta

O xoves da semana pasada tiveron lugar ás eleccións ás Asembleas de Escocia, Gales e Irlanda do Norte, así como un referéndum sobre un cambio no sistema de elección dos Membros do Parlamento do Reino Unido. Os sistemas de elección de representantes nestas eleccións son complicados, e merecen unha explicación polo míudo. Trataremos hoxe o sistema das asembleas de Escocia e Gales, deixando para máis adíante tanto a proposta de modificación de elección dos MPs coma o sistema da Asemblea de Irlanda do Norte.

Os membros das asembleas de Escocia e Gales son escollidos mediante o chamado sistema de representación proporcional mixta. Neste sistema temos dous tipos de circunscricións: as circunscricións-A, máis pequenas, e as circunscricións-B que son máis extensas e están conformadas por un conxunto de circunscricións-A.

Neste modelo, os electores teñen que votar en cadansúa urna para cada un dos procesos:

Na circunscrición-A escóllese un único representante polo sistema do first-past-the-post, cos problemas de sobrerrepresentación para o partido máis votado que iso implica e que están explicados na entrada que publicamos sobre o sistema.

Para corrixilo empréganse as circunscricións-B: A estas circunscricións corresponden un número de escanos (7 por cada unha en Escocia, 4 en Gales), que son repartidos mediante un sistema D'Hondt modificado. Esta modificación consiste en que, para repartir o primeiro escano correspondente a unha circunscrición, o divisor a aplicar será (1+n), sendo n o número de escanos conseguidos por ese partido nas circunscricións-A comprendidas nesa circunscrición-B; para repartir o segundo escano (2+n) e así sucesivamente. Deste xeito, un partido con bos resultados nas circunscricións tipo A sería máis penalizado nas circunscricións tipo B.


Vexamos un exemplo coas eleccións desta semana:

A rexión (circunscrición-B) de "Highlands and Islands", en Escocia, comprende 8 circunscricións-A, nas cales os resultados foron 6 escanos para o SNP e 2 para o Partido Liberal-Demócrata.

Para facer o reparto dos 7 escanos correspondentes á circunscrición, tómanse os votos de cada partido e aplícase o método D'Hondt modificado. Así, o primeiro deputado do SNP será o resultado de aplicar (1+6), e o do partido Liberal Demócrata (1+2). Así, explícase que o SNP só obtivese 3 escanos a pesar de ter o 47% do voto, e que os Liberal-Demócratas non tivesen ningún a pesar de superar en voto ao Partido Conservador, que conseguiu 2.

Podedes ver os resultados das eleccións á Asemblea de Escocia aquí, e os da Asemblea de Gales aquí.

Imaxe tomada da BBC.

No hay comentarios:

Publicar un comentario