7 may 2011

LDK 133: Tensión superficial

Este bicho que vemos na foto é unha cabra cega (cabra da auga ou zapateiro), un insecto que é capaz de desprazarse por riba da auga sen afundir. Este feito é posible grazas á tensión superficial dos líquidos, unha propiedade pola que un líquido ten maior atracción entre as moléculas na superficie ca no interior. Ademais de estar relacionado coa capilaridade, este tamén é o motivo de que se formen as gotas de auga e que sexan esféricas, a esfera é o corpo con maior volume e menor superficie, por tanto, a tensión superficial fai que a gota teña esta forma, igual cás pompas de xabón.

A tensión superficial débese a que as moléculas de auga están atraídas polas moléculas próximas e, nunha molécula no interior, a forza de atracción repártese en todas as direccións, mentres que nas moléculas da superficie, ao non ter moléculas na parte exterior (si teñen as do aire, pero son desprezables para isto), esta atracción repártese pola superficie e mais polo interior, polo que é maior.

Esta tensión superficial é a que fai que a lámina exterior do líquido teña un comportamento elástico, e como os insectos non teñen un peso suficiente como para vencer a tensión, poden camiñar sobre a mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario