Este verbo fari é empregado en moitísimas palabras presentes en diversas linguas indoeuropeas, así:
- Fado, fate. Do latín fata, participio neutro plural de fari, "as cousas ditas (polos deuses)".
- Profesar, do latín profitieri, de pro + fateri ("admitir", derivado de fari)
- Confesar, do latín confiteri, de com + fateri.
- Prefacio, "dito antes", do latín praefatus, participio de praefari.
- Afable, "que se lle pode falar facilmente" do latín affabilis, de ad + fari + bilis.
- Inefable, "que non se pode dicir" do latín ineffabilis, de in + ex + fari + bilis.
Este verbo fari latino é unha evolución da raíz protoindoeuropea *bha- (dicir, contar, narrar), que é a orixe de moitísimas palabras presentes en diversas linguas indoeuropeas. Entre elas podemos nomear fama, fábula, a terminación -fono/-fone/-phone,do grego φωνή, ou, a que nos interesa hoxe, bárbaro.
Bárbaro vén do grego βαρβαρος, "extranxeiro", que é á súa vez unha evolución da base indoeuropea *barbar-, unha forma onomatopeíca, derivada desta raíz *bha-, que pretendería imitar o falar incomprensible do extranxeiro. Co tempo, o seu significado evolucionou, pasando de denotar que a lingua é "incomprensible" a marcar o feito de o falante desa lingua ser extranxeiro. Máis tarde, os romanos aplicárona a todos aqueles que non tiñan un estilo de vida o suficientemente civilizado (para os romanos, os gregos eran extranxeiros pero non bárbaros), co que comezou a tomar un matiz realmente despectivo.
Como vedes, un infante e un bárbaro poden estar, etimoloxicamente falando, máis preto do que parecería nun primeiro instante.

No hay comentarios:
Publicar un comentario