31 mar 2011

LDK 117: Usarase WiFi para desconxestionar as redes móbiles

Cada vez usamos máis as conexións de datos en mobilidade, e o que para nós é unha vantaxe para as operadoras supón quebradeiros de cabeza. E é que o incremento de smartphones non fai máis que aumentar a demanda de datos, algo que a medio prazo conxestionará as redes de banda larga móbil.

Os operadores xa se deron conta de que é precisa unha solución e tirar das redes de banda larga fixa é a mellor opción. Pero non estabamos a falar de banda larga móbil? Si, por iso a solución pasa pola multiplicación de puntos WiFi das operadoras, aos cales se chegarán mediante redes cableadas (fibra óptica maioritariamente).

Operadoras como Movistar xa ofrece este servizo, outras como R plantéxanse facelo a medio prazo. Mais agora a Wi-Fi Alliance está a traballar para poñer en marcha un estándar que facilitará o acceso a puntos de acceso inarámbicos dun xeito moito máis doado para os usuarios finais, de feito, transparente. Así, un usuario conectaríase vía 3G ou WiFi aos datos da súa operadora, segundo a tecnoloxía que tivese ao seu alcance nun determinado momento (imaxinade a desconxestión das redes móbiles que podería supór este acceso WiFi en lugares como estacións, pazos de congresos, étc).

Pero para facer plenamente transparente este método, a autentificación tería que selo tamén. Neste sentido, dende a WiFi Alliance apostan pola autentificación por tarxeta SIM, é dicir, o usuario non tería que saber un usuario/contrasinal a maiores para acceder á rede WiFi, algo esencial se se pretende que esta iniciativa chegue a bo porto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario