7 mar 2011

A deíxis

Para que nos poidamos comunicar necesitamos unhas referencias que nos permitan relacionar o discurso e a realidade: a deíxis é a función lingüística mediante a cal relacionamos as mensaxes emitidas coas circunstancias nas que tales mensaxes se producen. Os elementos que nos permiten facer estas relacións son chamados elementos deícticos.

Así, podemos distinguir tres tipos de deícticos:

O tipo principal de deícticos é o formado pola deíxis gramatical. A deíxis gramatical pon en relación as mensaxes emitidas co lugar ou co momento nos que ten lugar o proceso de comunicación, así como coas persoas que interveñen. Dependendo do tipo de relacionamento falaremos, respectivamente, de deícticos espaciais, deícticos temporais e deícticos persoais.

A deíxis espacial relaciona as mensaxes emitidas e os seus protagonistas co lugar onde ten lugar o proceso de comunicación. Esta deíxis maniféstase principalmente mediante os adverbios de lugar (, aló) e os pronomes e adxectivos demostrativos (este, aquelas), mais tamén mediante os verbos que indican movemento en relación a un punto espacial, como as parellas ir/vir, meter/sacar, saír/entrar ou levar/traer.

A deíxis temporal pon en relación as mensaxes emitidas co momento no que ten lugar o proceso de comunicación. Así, os feitos da mensaxe poden ser anteriores, simultáneos ou posteriores á emisión da mensaxe. Os elementos deícticos temporais son os adverbios de tempo (onte, xa) e o sistema gramatical de tempo verbal.

Por último, a deíxis persoal relaciona a mensaxe coas persoas que interveñen no proceso de comunicación. A deíxis persoal é levada a cabo mediante a referencia á categoría gramatical de persoa, na que diferenciamos a primeira (o que fala), a segunda (a quen se fala) e a terceira persoa(do que se fala). Esta categoría maniféstase principalmente nos pronomes persoais (eu, nós), os sistemas de expresión da posesión (meu, deles, cadanseu) e na flexión persoal do verbo.

O segundo tipo de deícticos, relacionado estreitamente cos deícticos persoais, son os deícticos sociais. A deíxis social pon en relación as mensaxes emitidas coa situación social na que ten lugar o acto de fala, así como da posición relativa dos seus participantes.

Son exemplos de deíxis social os honoríficos, unha serie de expresións lingüísticas que reflicten unha situación social de rango, respecto ou deferencia relativos a un referente, destinatario, testemuña ou situación, como o sistema de honoríficos do xaponés; ou os pronomes T/V, (unha designación xenérica usada para calqueira lingua dun grupo de pronomes empregados na deixis social), nos cales o pronome T marca unha relación de menos poder, ou de maior familiaridade, camaradería ou solidariedade; mentres que o pronome V marca unha relación de máis poder, ou de menor familiaridade, camaradería ou solidariedade. Un exemplo obvio é a oposición ti/vostede.

Estes dous primeiros tipos de deíxis, gramatical e social, únense para codificar o discurso, de modo que, como dicíamos arriba, relacionemos as mensaxes emitidas coas circunstancias nas que tales mensaxes se producen mediante uns puntos de referencia. Eses puntos de referencia constitúen a chamada ancoraxe egocéntrica do discurso, que consiste no feito de que o punto de referencia a partir do cal codificamos o discurso está situado no EU (deíxis persoal) e nas miñas circunstancias e relacións sociais (deíxis social), no AQUÍ (deíxis espacial) e no AGORA (deíxis temporal).

Porén, a deíxis non só fai referencia á realidade obxectiva, senón tamén á realidade do contexto discursivo no que emitimos a mensaxe. Así, falamos dun terceiro tipo de deíxis, a deíxis discursiva, que pon en relación a mensaxe emitida co conxunto de eventos comunicativos anteriores e pertinentes para esa situación comunicativa determinada.

A deíxis é un sistema básico da comunicación humana, e aparece na práctica totalidade dos textos que nos poidamos atopar. Sen estes elementos non poderíamos dilucidar o valor de verdade dun enunciado, ao non saber a que circunstancias aplica, o que deixaría unha linguaxe que só serviría para falar de abstraccións inaplicables ao mundo real.

No hay comentarios:

Publicar un comentario