No Mobile World Congress non todo foron móbiles de últimísima xeración. Vodafone, en colaboración coa ONG francesa Telecom Sans Frontieres, presentou unha ferramenta ben interesante: unha estación base portábel totalmente autónoma, pensada para casos de emerxencia (inundacións, terremotos...) e que tan só precisa dunha toma de corrente para operar.
O sistema componse dun total de 3 maletas, cuxo peso máximo individual é de 32 Kg. Isto ten unha razón de ser: 32 Kg é o máximo de equipaxe por persoa que se permite nos voos comerciais.
Esas maletas conteñen todo o imprescindíbel para operar: un receptor/emisor (antena), un mástil plegábel, cableado, unha antena satélite e un ordenador portátil, que fará de centro xestor de comunicacións.
Tárdase tan só 40 minutos en desplegar todo o sistema e telo completamente operativo, e con el pódese dar cobertura nun radio de até 5 Km. Admite até 1000 disposivos conectados ao tempo, e está pensado para comunicacións entre os equipos de emerxencia, non para o conxunto da poboación.
En canto ás aplicacións que soporta, de momento só está pensado para voz e SMS, e pode configurarse para funcionar de dous xeitos: de maneira interna, entre teléfonos conectados á célula, ou co exterior, grazas a unha antena vía satélite.
O prototipo que vimos no Mobile World Congress está testado, mais non contarán co definitivo até dentro duns meses. De calquera xeito, trátase dunha iniciativa moi interesante, e un exemplo de como as telecomunicacións son imprescindíbeis en momentos críticos


No hay comentarios:
Publicar un comentario