Denomínase fraguado o proceso químico polo cal un conglomerante adquire resistencia. Este é un proceso delicado que condiciona a calidade do futuro conglomerante endurecido, e por tanto, é un proceso no que deberemos ter especial coidado.
Un dos factores determinantes é a temperatura á que se bota o formigón, a temperatura da masa deberá estar comprendida entre 5 e 35 ºC, e a temperatura ambiente tamén ten uns límites, deberá estar entre 0 e 40ºC. Se a temperatura fose inferior, a auga do formigón podería conxelarse, e se fose superior, esta podería evaporarse, o que alteraría o proceso.
Enténdese por formigonado en tempo frío, o proceso que se realiza cando a temperatura media diaria é menor a 5ºC ou cando a temperatura media da metade do día é inferior a 10ºC. Para proceder ao formigonado nestas condicións, deberá reducirse a relación a/c, aumentaranse os quilogramos de cemento en cada metro cúbico de formigón, ou usaranse cementos de maior categoría resistente. Tamén se poderán empregar aditivos con esa finalidade cunha autorización expresa da Dirección Facultativa.
Enténdese por formigonado en tempo caloroso, o proceso que se realiza cando se combinan a alta temperatura, a baixa humidade e a alta velocidade do vento. Para proceder ao formigonado, protexerase o formigón do sol directo, empregaranse cementos específicos ou usaranse medidas especiais.
Sexa en condicións de frío ou de calor, deberemos regar correctamente os encofrados e os elementos internos coma semiviguetas ou bovedillas para que non absorban a auga de amasado e, ademais, deberemos regar regularmente o formigón unha vez vertido.

No hay comentarios:
Publicar un comentario