24 feb 2011

LDK 102: Lei de Ordenación da Edificación

A Lei de Ordenación da Edificación é a lei encargada de regular o proceso da edificación, un proceso industrial cunha grande cantidade de características diferenciadoras. Comentabamos que unha desas características é a grande cantidade de axentes que interveñen e o pouco definidas que están as atribucións; pois a lei amaña isto parcialmente xa que define os axentes e recolle as súas obrigacións.

Dunha maneira rápida podemos dicir que o Promotor ten unha idea e encárgalle un proxecto técnico ao Proxectista (se queres facer unha casa de obra nova, terá que ser un arquitecto, para outro tipo de obras poderás falar cun arquitecto técnico ou cun enxeñeiro) que será aceptado pola Administración Pública. Unha vez realizado este proxecto, o Promotor diríxese ao Construtor para que execute a obra, quen se terá que poñer en contacto cun Subministrador que o abasteza. A obra realízase baixo a supervisión técnica da Dirección Facultativa, que ten que ir formada, como mínimo, por un Director de Obra (poderá ou non ser o proxectista) e por un Director de Execución de Obra (será un arquitecto técnico); e coa asistencia técnica das Entidades de Control de Calidade. Finalmente esta obra pasará a mans dun Usuario que non ten por que ser nin o promotor nin o dono, senón que pode ser un inquilino do mesmo.

Ademais, por último, tamén establece a responsabilidade civil dos axentes e esixe garantías que cubran os danos causados por vicios ou defectos dos elementos construtivos:
  • Un ano para defectos nos acabados.
  • Tres anos para defectos nas instalacións.
  • Dez anos para defectos nas estruturas que afecten á estabilidade do edificio.

É recomendable que calquera dos que forman parte deste proceso industrial lle boten un ollo á lei para saber o papel que xoga e as responsabilidades que recaen sobre a súa figura.

Descarga: BOE 266 do 6/11/1999 [pdf].

No hay comentarios:

Publicar un comentario