24 ene 2011

O Tapiz de Bayeux.

[Recoméndase ler a entrada O ano en que Inglaterra tivo tres reis antes de ler esta entrada].

O Tapiz de Bayeux é un bordado (e non un tapiz) de lá sobre tela de liño, que mide 68,38 m. de longo e 0,5 m. de alto e describe o proceso da invasión normanda de Inglaterra, así como os feitos que a desencadearon. Crese que foi encargado por Odo, bispo de Bayeux e medio-irmán do novo rei William, o Conquistador, e realizado entre 1070 e 1077.


As imaxes do tapiz, que probablemente estaba exposto nunha igrexa para a visión do público, servían para contar a historia nunha época na que a maioría da poboación era analfabeta. O tapiz ten unha progresión linear, semellante á dun comic, no que seguindo diferentes escenas pódese ver a historia da conquista normanda de Inglaterra desde o punto de vista dos vencedores, os normandos.

Así, a narración do tapiz céntrase só nos aspectos relevantes para o punto de vista normando da historia. A figura do rei William é central, exaxerándose as súas xestas (chega a rescatar a dous homes ¡á vez! das areas movedizas do Mont Saint Michel) e facendo pivotar sobre el a narración da historia. A omisión de feitos clave desde o punto de vista anglosaxón chega ao punto de non se narrar no tapiz a invasión nórdica e a victoria do rei Harold Godwinson en Stamford Bridge.

O tapiz comeza coa xustificación normanda da invasión, baseada na relación entre o antigo rei Edward o Confesor, Harold Godwinson e William, e a ruptura de dúas promesas ao ser coroado Harold como novo rei: a de Edward, que lle prometera a William o trono durante o seu exilio en Normandía mentres que os daneses ocupaban Inglaterra; e a de Harold Godwinson, que fora rescatado por William dun cautiverio despois dun naufraxio, xurándolle despois lealdade e vasalaxe. Posteriormente, amósanse as diversas preparacións previas á batalla e a chegada dos barcos a Hastings.

Posteriormente, chega a narración detallada da batalla: Os normandos atacan coas frechas dos seus arqueiros, mentres que os saxóns deféndense cun muro de escudos. Aínda que a famosa falsa retirada dos normandos (que decidiu a batalla, pois ao finxiren unha falsa retirada, os saxóns desfixeron a formación e foron tras os normandos, para despois dar estes mediavolta e atacar aos saxóns desprotexidos) non aparece reflectida, si aparece a morte do rei Harold, morto por unha frecha que lle atravesou o ollo, antes de ser decapitado. O tapiz remata cos normandos perseguindo aos poucos anglosaxóns que sobreviviron á batalla.

O final do tapiz (cálculase que entre 7 e 8 metros) está perdido (non se coñecen as circunstancias de tal pérdida), e descoñécese que podería haber nese final. Este é un dos maiores motivos de controversia sobre o tapiz, aínda que a identidade do seu deseñador e o lugar da súa fabricación tamen dan lugar a debates cheos de polémica.

O tapiz sufriu desde a súa fabricación non poucos avatares: Sábese que despois da súa fabricación foi transportado a Bayeux e colocado na catedral de Notre Dame, que fora consagrada polo bispo Odo en 1077, e que durante polo menos os seguintes 400 anos seguiu na catedral, a raiz das probas dun catálogo inventariando os tesouros da mesma. A redor do ano 1750 o tapiz comezou a suscitar interese en Inglaterra, mais aínda foi un caso aillado.

Foi a finales dese século, coa Revolución Francesa e a Guerra Civil, cando o tapiz estivo máis en risco, sendo salvado por Lambert Leonard Leforestier , o comisario de policia de Bayeux, cando revolucionarios estaban a piques de empregalo como tela para cubrir as súas carruaxes. En 1803, Napoleón ordenou o seu traslado a Paris para que servira de inspiración para a súa planeada invasión de Inglaterra, mais despois foi devolto a Bayeux. O concello, aterrorizado ante a posibilidade da súa perda, decidiu gardalo nun rolo e gardalo dentro da cidade nunha serie de lugares entre os que movia o tapiz, ensinándollo só a dignatarios de visita, mais isto debilitaba e estiraba as fibras do bordado.

En 1818, co rexurdir do interese en Inglaterra polo tapiz, enviouse a un especialista inglés a Bayeux, que certificou os danos do tapiz, solicitou o seu desenrolo e comezou a organizar un proceso de restauración que culminaría en 1842. Desde entón, permaneceu en exposición permanente menos nos períodos de guerra (Guerra Franco-Prusiana, I Guerra Mundial, II Guerra Mundial). Durante esta última o tapiz permaneceu no Louvre, onde fora movido en secreto poucos dias antes do desembarco de Normandía. A dia de hoxe segue en exhibición en Bayeux.

Podedes ver o conxunto do Tapiz de Bayeux nesta ligazón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario