Unha escaleira é unha construción que se emprega para salvar distancias verticais. A escaleira ten uns elementos chamados chanzos que conseguen que se ocupe unha menor superficie ca cunha rampla á vez que se mantén maior comodidade.
Os chanzos fórmanos dúas partes: por unha banda as mesas ou pegadas, o plano horizontal no que se apoia o pé cando subimos; e pola outra, as contrapegadas ou tabicas, o plano vertical. A relación destas dúas dimensións está establecida mediante unha ecuación que evita escaleiras desproporcionadas que dificulten a súa utilización, seguro que coñecedes as famosas escaleiras de "paso e medio". A fórmula establece que a suma de dúas tabicas máis unha mesa ten que dar aproximadamente a dimensión dun paso, aproximadamente entre 62 e 64 cm:
2T + M = 62 a 64 cm
Ademais desta limitación, tamén está a altura máxima de 18 cm para tabica (aínda que se recomendan 17 cm) e unha dimensión mínima de 25 cm para a mesa (recoméndanse 30 cm). As dimensións de todos os banzos deben ser iguais, xa que unha variación dun centímetro nun só banzo provocaría que os usuarios tropezasen.
Desta maneira, se queremos salvar unha altura de 3,00 m (2,70 m de altura libre e 30 cm de espesor de placa), o que facemos é dividir a altura entre a altura máxima da tabica: 3,00 / 0,17 = 17,65 tabicas. Como a altura máxima é de 17 cm, temos que coller 18 tabicas, porque se colleramos menos, a altura aumenta. Con 18 tabicas temos: 3,00 / 18 = 0,1667 m de altura de tabica; polo que, ao final, colleremos 18 tabicas de 16,67 cm de altura. Ademis, como o desnivel máximo que cómpre salvar cun só tramo de escaleira é de 2,00 m (uns 12 chanzos), temos que facer dous tramos de escaleira, e definitivamente temos 18 tabicas e 16 mesas (porque os chanzos que desembarcan no descanso e no piso superior non teñen mesa).
Para rematar, podedes ver as diferentes partes e os diferentes tipos das escaleiras, cos nomes en galego e en castelán, entre as páxinas 2.17 e 2.21 do Dicionario visual da construción [pdf].
Normativa aplicable:
Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia [pdf].
Código Técnico de la Edificación. DB Seguridad de Utilización Seguridad [pdf].
Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia [pdf].
Código Técnico de la Edificación. DB Seguridad de Utilización Seguridad [pdf].
Imaxe orixinal: Construpedia.


No hay comentarios:
Publicar un comentario