30 nov 2010

LDK 65: A escritura do chinés e os seus dialectos.

Unha das grandes cuestións sen resolver da lingüística é a distinción entre lingua e dialecto.
Probablemente a solución sexa a de que a distinción entre lingua e dialecto sexa unha cuestión política e non lingüística, mais esta é unha cuestión que trataremos noutro momento. Hoxe traemos, ao fio desta distinción, a cuestión dos dialectos do chinés.

Como ben saberedes, a escrita chinesa é un sistema logográfico: cada símbolo representa unha palabra completa ou un morfema gramatical. Este feito, que ten moitos inconvenientes, nomeadamente o enorme número de símbolos a aprender para levar a cabo unha alfabetización total, ten, porén, unha relativa vantaxe: O feito de que cada símbolo leve aparellado un significado rompe a relación entre o símbolo escrito e a realización fonética, polo que pode ser comprendido, facilmente, por falantes de diversos dialectos de chinés.

En realidade, isto ocorre con todas as linguas do mundo na diferencia entre a súa versión escrita, común, e a súa versión oral, diferente para cada dialecto, mais, porque é que isto é relevante?

Pois ben, isto é relevante porque os diferentes dialectos do chinés non son mutuamente intelixibles, ou sexa, que un falante de mandarín e un falante de cantonés non se entenderán ao se falaren. Porén, se escriben o que están dicindo, ambos serán capaces de entender a mensaxe.

Os diversos dialectos do chinés son considerados como tales, a pesar da non-intelixibilidade mutua, baseándose no seu código escrito común, amosando, unha vez máis, a importancia da palabra escrita nas ideas lingüísticas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario