12 oct 2010

LDK 44: Movemento de terras

Para o cálculo do movemento de terras hai que ter dous conceptos claros, desmonte e terraplén. O desmonte é unha escavación que se realiza para rebaixar a cota do terreo e conseguir unha superficie plana -que non horizontal- na que asentar unha obra, mentres que o terraplén é o reenchido con terra para subir a cota do terreo e conseguir unha superficie plana co mesmo fin.

Sempre se procura optimizar o traballo, e por tanto se o desmonte e o terraplén están xuntos, procúrase aproveitar a terra do primeiro para o segundo, pero imos ver como se calcula isto.



Se, por exemplo, temos un desmonte para unha piscina prismática de base rectangular, e empregamos esa terra para encher na parte baixa dunha estrada que se atopa a varios centos de metros procederemos do seguinte modo: o volume de desmonte será Vb (volume en banco) = a * b * c, ese volume de terra querémolo transportar en camións, e a rotura da terra por sacala do seu lugar de orixe e deixala caer dentro dos camións implica un aumento de volume en torno ao 25%, por tanto debemos multiplicar Vb por un coeficiente, ao que denominamos coeficiente de esponxamento que terá un valor aproximado de 1,25. O volume de terra no camión chámase volume solto (Vs), e podemos afirmar o seguinte Vs = 1,25 Vb, pero debemos ter en conta que o coeficiente de esponxamento, o 1,25, vai variar segundo o tipo de terra, o grado de humidade e demais.

O seguinte paso é o de verter as terras onde queiramos facer o recheo, pero esta terra precisamos compactala xa que debe resistir a carga do tráfico que vai percorrer por riba, e para isto vaise vertendo en tongadas de pouco que se van compactando ata acadar un volume de aproximadamente o 95% do volume en banco (o que tiñamos ao principio), e por tanto podemos afirmar que Vc = 0,95 Vb, sendo o 0,95 variable segundo o grado de compactación que desexemos acadar.

Todos os cálculos de cambio de volume deberán pasar polo volume en banco, de modo que non poderemos pasar de volume compactado a volume solto sen un paso intermedio. Ademais disto, existe un coeficiente distinto e menor có de esponxamento que se aplica ás culleres das cargadoras e das escavadoras, xa que o terreo dentro delas, pese a non estar coma en banco, tampouco está tan roto coma no camión cando se transporta.

Fonte da imaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario