Todos temos oído falar das guerras entre Concellos e Operadoras de telefonía móbil polas antenas, que moitas veces dan lugar a cousas ben contraditorias: 'Non queremos antenas en Vila de Arriba!' e 'Vila de Arriba ten os mesmos dereitos de acceso ás novas tecnoloxías!'
Existe a relación 'antenas provocan cancro' de xeito semellante ao demostrado 'fumar provoca cancro'? Precísanse tantas antenas? É bo que estean preto das nosas casas? Ao longo deste artigo trataremos de analizar algunhas destas cuestións, coa aportación de datos o máis neutrais posíbeis.
Os datos
Cinguíndonos aos datos oficiais (informes da Organización Mundial da Saúde, OMS, e do Ministerio de Sanidade e Consumo, MSC), non existe ningún efecto nocivo probado entre a telefonía móbil e a saúde, agás o incremento dos accidentes de tráfico producidos por distraccións por usar o móbil.
En base a estes informes, o Real Decreto 1066/2001 fixa os límites de exposición do público a campos electromagnético, que son menores dos que marca a Unión Europea e outras institucións internacionais. Neste documento conclúese:
"[...] á luz dos coñecementos científicos actuais pódese afirmar que:
- A exposición a campos electromagnéticos non ocasiona efectos adversos para a saúde, dentro dos límites establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea.
- As antenas de telefonía e os terminais móbiles non representan un perigo para a saúde pública."
As radiacións electromagnéticas
Estamos rodeados de campos electromagnéticos constantemente, tanto naturais (o Sol, a Terra...) coma artificiais (electricidade, equipos de radio, televisión...). Do mesmo xeito, os sinais de telefonía móbil son emisións electromagnéticas, da mesma natureza que a luz, pero a diferente frecuencia.
Distínguense dous tipos de campos electromagnéticos: ionizantes e non ionizantes:
- Ionizantes: corresponden a frecuencias elevadas (1015-1021 Hz) e dispoñen dunha enerxía capaz de romper enlaces químicos (ionización). Como exemplos, os raios X ou Gamma).
- Non ionizantes: correspóndense con frecuencias máis baixas (109 Hz) e a súa enerxía só xera calor (levemente) e non vale para modificar moléculas. Son as que se empregan na telefonía móbil
Por que nos preocupan tanto as estacións de telefonía móbil?
A resposta é ben simple: porque as vemos a cotío. Pode que non vexamos a miúdo as antenas de televisión ou radio, pero se nos fixamos un pouco, paseando pola rúa veremos as estacións de telefonía móbil. Mais os datos son claros: a potencia dos sinais de televisión acadan os 5.000.000 de vatios, mentres que os dunha estación de móbil sitúanse entre os 10 e os 20 vatios (os teléfonos emiten por baixo dos 2 vatios).
Son necesarias tantas estacións base (antenas)? Teñen que estar preto das casas?
As estacións base son imprescindíbeis para que exista a telefonía móbil, mais ás veces pódenos parecer que 'hai demasiadas'. Sen embargo, existen dúas razóns que poñen en evidencia a necesidade das antenas: a cobertura e a capacidade.
A primeira delas é obvia: queremos establecer comunicación esteamos onde estamos; a segunda quizáis non tanto. A expansión da telefonía móbil (lembremos que en España hai máis liñas activas cá habitantes) fai preciso aumentar o número de antenas, xa que estas teñen un número limitado de usuarios.
A proximidade das antenas vai ligada á aplicación de menos potencia. Afastar as estacións dos núcleos urbanos implicaría que tanto as estacións como os terminais terían que emitir con moita máis potencia para poder facer posíbel a comunicación, o que implicaría máis intensidade de radiación.
Alén diso, existe a falsa crenza de que a xente que vive en edificios que teñen antenas na azotea están expostos a unha maior radiación. Isto é totalmente falso, xa que o deseño das estacións fai que se proxecte a radiación horizontalmente e cunha leve inclinación cara o chan, facendo un efecto paraugas.
Lexislación
A lexislación relativa á instalación das antenas é moi minuciosa. Esíxense moitos trámites ás operadoras antes de proceder á instalación dunha estación base, que van dende o cumprimento das normativas internacionais/estatais de radiación ás normas urbanísticas e medioambientais do concello no que se pretende facer a instalación.
Máis información / Bibliografía

Muy interesante, pero no he sido capaz de bajar el archivo "Antenas y salud". ¿Podríais volverlo a subir?
ResponderEliminarOla Javi,
ResponderEliminaros arquivos pdf están aloxados directamente na web de Vodafone, non subidos por nós. Acabo de probar os enlaces e funcionan, proba a clicar co botón dereito sobre eles e escolle "Gardar ligazón como" ou similar, e xa cho gardará no teu computador.
Proba iso, se sigues tendo problemas coméntanolo e miramos de enviarchos por correo electrónico.