10 ago 2010

LDK 17: Parábola

Unha parábola é a sección resultante de cortar un cono recto por un plano paralelo á súa xeratriz (ver aquí), e defínese coma o lugar xeométrico dos puntos que equidistan dunha recta chamada directriz e un punto fixo chamado foco (ver aquí).

A parte de ser a traxectoria ideal dun proxectil que se move nun medio sen resistencia ao avance e suxeito a un campo gravitacional, unha das propiedades das parábolas que nos ofrece multitude de aplicacións no mundo real é que calquera raio perpendicular á directriz reflectido na propia parábola vai pasar polo foco, do mesmo xeito, todos os raios que pasen polo foco e se reflictan na parábola sairán paralelos entre si e perpendiculares á directriz.

Para aproveitar esta propiedade, o que se fai é xerar un paraboloide de revolución a partir da rotación da parábola arredor dunha recta perpendicular á directriz que pase polo foco obtendo como posibles aplicacións: antenas parabólicas cuxos sinais reflectidos na superficie pasen polo foco onde estará o receptor, cociñas solares que concentran os raios solares no foco onde colocaremos a comida ou lanternas cuxa bombilla se atope no foco para que os raios saian todos paralelos e nunha única dirección.

No hay comentarios:

Publicar un comentario