O aire é húmido, é dicir, entre outras cousas, na mestura que o compón atopamos entre un 0 e un 7% de vapor de auga. Este valor pode variar en función dos ambientes, por exemplo, despois de ducharnos, a cantidade de vapor de auga que hai no baño aumenta, pero este aumento ten un límite, e cando a cantidade de vapor de auga é máxima e non admite máis dicimos que o aire está saturado. A cantidade de vapor de auga que absorbe o aire antes de saturarse varía en función da temperatura, a maior temperatura máis absorbe, e a menor menos. O que acontece cando o aire se satura, é que o vapor de auga se condensa, é dicir, aparecen pinguiñas de auga.
A humidade relativa é a relación entre a cantidade de vapor de auga que hai no aire a unha temperatura determinada e a cantidade de vapor de auga precisa para saturar o aire a esa mesma temperatura expresada en tanto por cen, a humidade relativa indica o preto que está de saturarse o aire. Se temos aire coa humidade relativa próxima ao 100% e baixa a temperatura o suficiente, o vapor de auga sobrante condensa. Un claro exemplo disto, volvendo á ducha, é que os espellos abafan. O aire admite unha cantidade de vapor de auga a unha determinada temperatura, pero cando arrefría, a cantidade de vapor que admite antes de saturarse é inferior e por tanto condensa, esta temperatura denominarémola punto de orballo. Dito doutra maneira, cando arrefriamos o aire por debaixo da punto de orballo, o vapor de auga sobrante condensará.
Outro exemplo de condensación debido a que baixamos da punto de orballo é o rego que se forma baixo os coches tras unha viaxe en pleno verán co aire acondicionado posto, o aire pasa a través do evaporador arrefriándose para ir ao habitáculo, se o aire baixa da punto de orballo, o vapor de auga sobrante condénsase e acaba caendo dando lugar a ese rego que seguramente a máis de un lle terá dado un susto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario