21 dic 2009

A resonancia como factor de transmisión


Que teñen en común filólogos, aparelladores e enxeñeiros de telecomunicación? Maila que nunha primeira impresión a resposta máis impulsiva, a que diríamos sen pensar, sería "nada", o certo é que se maquinamos un pouco hai moitas cuestións en común, quizais a máis destacada o uso da frecuencia de resonancia.

Para os filólogos, a resonancia é a base da comunicación natural, para os aparelladores aquilo que fai que non caia todo aquilo que proxectan e para os telecos a maxia que fai posíbel a transmisión de sinal.

Moitas veces, o usuario ‘base’ dos servizos de comunicacións non pensa en todo o que hai detrás de todo o que para el é trivial: enviar unha mensaxe de texto dende un móbil e que outro usuario a reciba ou mesmo descolgar o terminal fixo e ter liña. Ben, pois todo iso non sería posíbel sen o uso da resonancia.

Simplificando moito, poderíamos dicir que a resonancia é o efecto físico orixinado por unha oscilación. E acó é cando introducimos un novo concepto: que é unha oscilación? Pois basicamente unha repetición de valores de amplitude en cada ciclo, ou o que é o mesmo, unha variación, perturbación ou fluctuación no tempo dun medio ou sistema.

En definitiva, as oscilacións que dan lugar á resonancia fan posíbel a propagación de ondas, quizais un dos aspectos máis importantes das telecomunicacións. Centrándonos nas comunicacións por radiofrecuencia, estas son as ondas electromagnéticas cuxa frecuencia é inferior aos 3.000 GHz (segundo a ITU).

Entre as aplicacións que podemos atopar no rango de frecuencias entre os 30 Hz e os 3.000 GHz están a telefonía, os servizos de televisión, as aplicacións radar, o control de obxectos a distancia (ou telecontrol), a radiolocalización e a radionavegación.

A transmisión a estas frecuencias sen embargo, non está exenta de problemas, xa que existen infinidade de factores que inflúen na calidade do sinal que teremos no receptor, afectando en maior ou menor medida en función da frecuencia da transmisión.

Un destes factores é o ruído. No receptor, alén do sinal orixinado na transmisión recibiremos outros sinais que operan a frecuencias adxacentes á nosa ou o sinal orixinal modificado pola interacción doutros factores externos. Para que a comunicación sexa fiábel, o nível do sinal que queremos recibir ten que ser superior á suma de todas as contribucións ao ruído.

Podemos distinguir até seis tipos de ruído diferentes: interno (debido ao movemento aleatorio dos electróns nos compoñentes resistivos da equipa receptora), atmosférico (debido as descargas eléctricas das tormentas), térmico debido á atmosfera (producido polos gases atmosféricos e os hidrometeoros), térmico debido á superficie da Terra (pola emisividade da superficie da Terra), cósmico (polo Sol e outros corpos da Galaxia) e artificial (debido ao entorno do lugar onde se orixina a transmisión, variábel segundo o nível de industrialización).

De todos eles, só o ruído interno e o artificial non dependen en absoluto da frecuencia. O atmosférico é importante para frecuencias por baixo dos 30 MHz, os dous térmicos aumentan proporcionalmente ao aumento da frecuencia e o cósmico é importante entre os 30 e os 200 MHz.

Vemos así como as frecuencias de resonancia, coas súas oscilacións, son a base das transmisións de sinal e os seus efectos ‘ruidosos’. Pero tamén a frecuencia é un factor básico noutras moitas cousas relacionadas coas telecomunicacións, como por exemplo a reconstrucción de sinais comprimidas para a súa transmisión, que abordarei con calma e fondura nun futuro post.

No hay comentarios:

Publicar un comentario