16 feb 2012

eCall: o sistema de emerxencia que che poderá salvar a vida

Hoxe en día existen infinidade de obxectos conectados á Internet, sobre todo no ámbito doméstico, en grande parte grazas ao auxe das redes sen fíos WiFi, que facilitan moito ás cousas á hora de interconectar lavadoras, frigoríficos, televisións, equipos musicais... e todo o que se nos poida ocorrer.

Pero que pasa cando os obxectos que queremos conectar se atopan fóra do alcance de tecnoloxías como a WiFi? Pois que se fai preciso buscar outras alternativas. Xa temos falado en Mallando na e-ira dos servizos M2M (Machine to Machine), que se empregan, entre outras cousas, para comunicar máquinas vending a través da rede móbil convencional grazas a que contan cunha tarxeta SIM.

Neste mesmo sentido estarían os coches que, se todo vai segundo o previsto, a partires de 2015 todos os que se comercialicen na Unión Europea deberán levar o módulo eCall, unha caixa que inclúe un GPS e un sistema de comunicación por rede móbil GSM. 

O obxetivo de empregar este módulo non é outro que reducir drasticamente o tempo de resposta ante accidentes. Así, ao igual que se activan os airbags ou outros sistemas de seguridade pasiva, ao ter unha colisión activaríase o módulo informando aos equipos de emerxencia do feito da colisión e da posición exacta na que se atopa o vehículo grazas ao GPS.

Desde logo, o sistema de por si non servirá para que haxa menos accidentes, pero si para que a resposta ante eles sexa moito máis áxil e, polo tanto, se salven moitas máis vidas.

No seguinte vídeo de 3 minutos podedes ver dun xeito moito máis gráfico como funciona:


No hay comentarios:

Publicar un comentario