28 ene. 2012

5 servizos para compartir arquivos de gran tamaño

Malia as acusacións de piratería e outras cuestión que se lle achacan aos donos de Megaupload, cómpre lembrar que este era un servizo moi útil para cando tiñamos que enviar grandes ficheiros a alguén, neses momentos nos que o límite de arquivos adxuntos do correo electrónico queda moi escaso.

Por iso hoxe queremos compartir convosco 5 propostas de servizos gratuítos para enviar grandes arquivos. Ollo, non falamos de servizos de almacenaxe tipo Dropbox (para iso xa comentamos outras alternativas: I, II e III).

Comezamos falando das opcións que ofrecen menos ás que máis.

TransferThisFile

Esta é unha opción moi limitada en canto ao tamaño máximo dos arquivos que se poden enviar (100 MB) e o tempo de validez da descarga (5 días), aínda que dispón doutros puntos fortes que fan que sexa un servizo interesante. Por exemplo, permite arrastrar e soltar para non ter que andar seleccionando os arquivos (ou cartafoles). 

Debemos tamén introducir o enderezo da persoa á que lle queremos enviar o arquivo e recibirá a mesnsaxe como un correo. Só con rexistrarnos (gratuitamente) poderemos engadir algunha opción extra e interesante, como protexer os arquivos con contrasinais. Se ademais escollemos un plan de pagamento, poderemos enviar arquivos maiores e sen caducidades dos mesmos.


SendThisFile

SendThisFile permite que enviemos arquivos de até 2 GB, pero cuxas ligazóns caducan aos 3 días. Ademais só se permiten 3 descargas por cada arquivo.

O punto forte deste servizo atópase na versión de pagamento, que permite enviar arquivos de tamaño ilimitado e con máis días de descarga dispoñíbeis.


DropSend


DropSend é un servizo que permite cargar de xeito gratuíto arquivos de até 2 GB, aínda que con limitacións: só poderemos enviar deste xeito un máximo de 5 arquivos ao mes e cada un poderase descargar un máximo de 10 veces.

As versións de pagamento deste servizo non aumentan o tamaño dos arquivos que podemos enviar, pero si o número de arquivos que podemos subir e as veces que este se pode baixar.


We Transfer

O punto forte de We transfer é a simplicidade: ofrece a posibilidade de enviar 2 GB, gratis, sen rexistros e cos arquvos dispoñíbeis durante dúas semanas.

Ao cargar os arquivos debemos especificar o noso enderezo e o de envío e poderemos personalizar unha mensaxe para o destinatario.


File Dropper

File Dropper permite enviar arquivos de até 5 GB sen rexistros nin nada. Bastará con que seleccionemos o arquivo que queremos cargar e, unha vez subido, poderemos compartir a ligazón ao mesmo ou obter un código de inserción para poñer na nosa páxina web ou blogue.

Os arquivos permanecerán nos servidores de File Dropper durante un tempo indefinido agás que non haxa ningunha descarga en 30 días, momento no que se borrarán do servidor.

Se alguén precisa enviar arquivos maiores, dispoñen de plans de pago que permiten enviar arquivos de até 250 GB.

No hay comentarios:

Publicar un comentario